O rexedor ribadense sinalou que “finalmente despois de dous anos de loita, despois de máis de 2.000 sinaturas recollidas e despois dunha manifestación na que participaron en Ribadeo máis de 1.000 persoas por fin a conselleira de Traballo e Benestar di que vai recibir a esta comisión, formada polos diferentes grupos da Corporación Municipal e por representantes das asociacións de veciños, na que entre todos estamos a traballar para conseguir o obxectivo de ter unha nova residencia en Ribadeo”.

Fernando Suárez dixo que “á marxe da posta en escea desta convocatoria na que se están a confundir os partidos coas institucións, e isto non é nada bó, eu creo que deberían aprender do que facemos aquí no Concello, de que esteamos todos unidos a nivel municipal traballando por un obxectivo único e común. Pero máis aló desta posta en escea un pouco confusa penso que á Xunta fáiselle insostible seguir mantendo esa actitude de oídos xordos ao que unánimemente todos e todas lle estamos a dicir desde Ribadeo”.

A comisión pro residencia da terceira idade acudirá a esa cita “con moita ilusión o vindeiro venres, 11 de xaneiro, ás 12:30 horas, iremos esta comisión a Santiago a que nos reciban, a que nos atendan e a que entendan por qué necesitamos unha residencia en Ribadeo. Imos escoitar, pero tamén a falar porque as demandas de Ribadeo seguen intactas a pesares de que levemos máis de dous anos loitando para que quen ten as competencias en materia de benestar, que é a Xunta, por fin se faga cargo, non só con palabras vanas senón con feitos, confiamos en que iso sexa así e daremos conta despois do resultado da xuntanza”.