Suárez Barcia dixo que “desde o Concello estamos a seguir moi de cerca cómo está a evolucionar a situación de centos e centos de afectados aquí en Ribadeo polas participacións preferentes e subordinadas” e lembrou a denuncia trasladada no seu día diante da fiscalía ou o pleno da Corporación “desde onde lle advertimos a Novagaliciabanco de que, de non tomar medidas activas para iniciar os trámites de devolución dos cartos estafados aos afectados, retiraríamos os fondos do Concello desa entidade bancaria”.

O alcalde de Ribadeo explicou que “agora, á vista de que o goberno do Estado acaba de anunciar a inminencia desas quitas, nós desde o Concello vimos de enviar hoxe un requerimento ao Instituto Galego de Consumo, que depende da Xunta de Galicia, para que nos contesten dunha maneira clara e nítida a algunhas preguntas: cántas desas persoas, que fixeron reclamacións a través do servizo municipal de consumo e desde aquí trasladadas a Consumo da Xunta para que lograsen un laudo arbitral, foron atendidas xa, cántas quedan por atender e cándo se prevé que sexan atendidas todas esas reclamacións”.

Fernando Suárez subliñou que “desde o goberno se está a indicar que a partires de agosto cesará o sistema de arbitraxe e iso parécenos que é algo que non se debe dar, polo menos ata que non estean a totalidade das reclamacións atendidas” e insistiu en que “desde o Concello queremos saber cántos casos foron resoltos ata o de agora, cántos están pendentes de resolución, e advertirlle ao goberno galego que non se lle ocorra pechar a vía arbitral sen estar avaliados todos os estafados que fixeron as reclamacións pertinentes e oportunas en tempo e forma nas oficinas de consumo municipais, como é o caso da que temos aquí en Ribadeo”.