O edil ribadense dixo que “na Concellaría de Medio Ambiente estamos a traballar en varias cuestións que queremos ir poñendo en marcha ao longo das vindeiras semanas e meses. Unha das primeiras será dotar de contedores do lixo aos supermercados da vila e aos vendedores e vendedoras da praza da abastas. Serán uns vinte recipientes para o seu uso exclusivo, que estarán perfectamente rotulados e contarán con peche. Serán eses establecementos os que se encargarán de sacalos á rúa cando rematen as súas xornadas de traballo e de recollelos ao día seguinte. Tamén correrá da súa conta a súa limpeza e o seu lavado”. Para Jorge Díaz “deste xeito eliminaremos moitos cheiros innecesarios das rúas, sobre todo en época de calor”. O concelleiro de Medio Ambiente agarda repartir estes contedores ao longo do mes de outubro.

Outra das medidas nas que traballa o edil ribadense é na limpeza do perímetro do Forte de San Damián: “por dentro xa se limpa, así como a zona de árbores e xardín dos arredores, pero queda pendente o seu perímetro, as enredadeiras que colgan das súas paredes, etc… en principio a intención é facelo con persoal propio do Concello, pero si fose necesario recorrer a outros profesionais fariámolo”. Díaz Freije comentou que “penso que é a primeira vez que se vai actuar no perímetro do forte, algo que me parece bastante necesario”.

O concelleiro de Medio Ambiente adiantou tamén que “no meu departamento imos proceder a revisar a ordenanza municipal de medio ambiente, para adaptala aos novos tempos que vivimos. Estou convencido de que hai aspectos, de que hai puntos que se poden mellorar”.

Jorge Díaz Freije aproveitou a ocasión para “agradecer o traballo realizado polo persoal de Medio Ambiente durante todo o verán, xa que son datas nas que hai moitos eventos e moitas actividades lúdicas, que obrigan a intensificar o traballo e tamén a xornada laboral. Tamén quero dar as grazas a todo o voluntariado que estivo o pasado 14 de setembro na media maratón Ribadeo-As Catedrais. Agardamos seguir contando con eles e con elas para que esta cita deportiva siga a ser un éxito ano tras ano”.