O rexedor aproveitou para desmentir “esta nova que saiu nalgúns medios de comunicación sobre o incremento que estarían a sofrir algunhas pólizas de seguros contra roubos por mor do acontecido en Ribadeo. Non é misión do alcalde ir polas compañías preciando seguros, pero así o fixen e todas de maneira unánime están en desacordo con esta idea que alguén quixo dar. Todos indican que a magnitude non foi tan ampla en cuestión económica e que incluso en Ribadeo, como noutros sitios, o que está a haber é guerra de prezos para baixalos debido á situación económica que hai”. Fernando Suárez seguiu a relatar que “incluso en Ribadeo fánse seguros contra roubo onde non se piden nin rexas nin alarmas, algo que en calquera cidade por aí adiante sería impensable”.

O goberno municipal de Ribadeo está intentando, e nos vindeiros días convocará aos representantes do persoal, que “os traballadores municipais traballen mellor e de xeito máis eficaz e eficiente e que isto redunde en beneficios dos veciños do concello”. O alcalde referíuse ao colectivo da Policía Local, “un corpo que forman 11 persoas e máis un xefe. Eu son consciente da problemática que temos, dos roubos, da seguridade, e na Policía Local imos facer unha reorganización para aumentar e reforzar servizos e todo isto entendendo que seguiremos utilizando o persoal que temos. Vemos inviable que o Concello de Ribadeo poida ter máis Policía Local, non o pretendemos, e penso que imos poñer medidas efectivas e reais en marcha. Imos dar unha maior presenza na rúa por parte da Policía Local, maior presenza nas oficinas, un incremento das patrullas a pé ou en motocicleta e ao mesmo tempo, a maiores das noites que xa están a facer ben sexa os sábados ou no verán, imos incrementar as actuacións nocturnas en días non prefixados. Non lles imos dicir aos cacos que días vai traballar a Policía Local polas noites”.

Fernando Suárez dixo que “imos planifícalo tanto pola xefatura da Policía Local como pola Alcaldía e daremos cumprida conta, sempre mantendo esta ansia de colaboración coa Garda Civil, indicándolles que as nosas patrullas estarán máis por fóra durante as noites, sen que isto lle vaia costar un céntimo máis ao Concello, porque non estamos para gastar máis diñeiro, senón para facer as cousas mellor. Confío e teño o compromiso de todo o cadro da Policía Local de que isto sexa así”.

O rexedor ribadense indicou que na vindeira xunta local de seguridade prevista para o 6 de marzo, “xa que o Concello vai facer este esforzo de maior presenza na rúa tamén polas noites, queremos que o subdelegado do Goberno dea as instruccións pertinentes para incrementar o número de efectivos da Garda Civil nesta comarca e singularmente en Ribadeo e que poida haber máis patrullas da Garda Civil de paisano, porque pode ser moi efectivo e ademáis é algo que nos reclama moita xente con coñecemento de causa”. Fernando Suárez insistiu en que “Ribadeo segue a ser un sitio tranquilo, a pesares destes roubos, pero por parte das administracións, non podemos facer milagros, pero sí podemos facer máis do que facemos e nós ímolo facer nos vindeiros días como se poderá ver”.