Fernando Suárez explicou que “este bando que acabamos de asinar vai dirixido a toda a poboación de Ribadeo, tanto das parroquias como da vila, e ten que ver coa necesidade de actualizar a numeración das vivendas e dos edificios en xeral fixando para cada un o número que lle corresponde exactamente”.

O rexedor dixo que “vai ser precisa a renumeración naquelas vías que, pola existencia de duplicados ou outras casuísticas que hai de todo tipo, a día de hoxe existan problemas para que lles cheguen as cartas. Basicamente por dúas cuestións, por unha banda porque a última revisión da numeración que se fixo foi no ano 1996, hai máis de vinte anos. E por outra banda, tamén teño que dicilo honestamente, o servizo estatal de Correos e Telégrafos ten establecido unha práctica institucional coa que calquera carta ou envío que adoeza dunha correcta dirección postal, desde o punto de vista exacto tanto do número como o nome da rúa, é devolta sen máis contemplación, polo que afonda aínda máis na necesidade de levar a cabo estes traballos que o Concello de Ribadeo licitou e adxudicou a unha empresa hai un tempo”.

Suárez Barcia engadiu que “agora esta empresa ten avanzado moito, pero está facendo un traballo de campo. Persoal desta empresa, tanto na vila como nas parroquias, pode ir a moitas vivendas, acreditarase convenientemente, pero pedímoslle á poboación a máxima colaboración. Supoño que nalgúns casos, quero pensar que nos mínimos, vai significar modificacións dos números actuais, pero tendo presente que é necesario para que non existan duplicados ou non haxa situacións polas que o servizo de Correos non devolva as cartas”.