A edil nacionalista salientou “a clarísima consolidación deste evento en toda a comarca. Por segundo ano consecutivo coa distribución dos postos polas rúas peonís e o gran número de persoas que se achegaron á vila estivemos na liña dos últimos anos cun número altísimo de xente que veu a pasear e a gozar polas rúas de Ribadeo”.

Martínez explicou que “houbo días, principalmente durante a fin de semana, nos que Ribadeo estivo a tope de xente, o cal é bo e repercute non só nos postos senón tamén no comercio tradicional, nos bares, nos restaurantes e nos hoteis, que rexistraron unha ocupación media próxima ao 60 por cento durante a fin de semana, pero houbo máis dun establecemento en Ribadeo que estiveron roldando o cen por cen. Entón eu penso que estas iniciativas son moi boas porque potencian a nosa economía local. Ademais das numerosas actividades que se fixeron arredor do mercado e que contribúen a traer máis xente cara a Ribadeo. Podemos falar da exposición e demostración de talla de madeira a cargo da asociación Amigos da Madeira, a actuación de grupos musicais como Amigos da Galicia ou Alesancia que durante estes días percorreron as rúas, as demostracións en vivo de obradoiros para nenos e mesmo a propia Festa do Comercio organizada por Acisa que ese día encheu Ribadeo”.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo dixo que “a continua sensación de que en Ribadeo sempre te podes atopar algo para facer, xa sexa entretemento, compras, gastronomía penso que quedou máis que de manifesto de novo neste Mercado do Nadal. E iso é no que traballamos día a día: en facer entre todos un Ribadeo atractivo para que invite sempre a vir e que sexa referente para cubrir as necesidades dos veciños da comarca como ese gran epicentro comercial”.