Fernando Suárez dixo que “estamos na recta final do período de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal e consecuentemente do prazo de presentación de alegacións. O 8 de xuño remate este prazo. Durante este tempo foise facendo unha exposición pública por parte do Concello de Ribadeo modélica, onde todos os veciños e propietarios que o desexaron viñeron e poden vir ver o documento e si o desexan poden ter unha atención personalizada por parte do arquitecto municipal para que lles explique o significado e o alcance que supón este PXOM”.

O alcalde ribadense sinalou que “entre todos os grupos da Corporación encaramos con ánimo e con visión constructiva a necesidade de ter un PXOM moderno e adaptado aos tempos despois dunha chea de anos de problemas, de discusións, e de pedras no camiño. Durante todo este tempo de exposición pública neste mes e medio pasado xa, puiden ver e falar con moitos veciños e veciñas que se foron achegando á oficina de turismo vella, e podo dicir que había xente que saía conforme co documento, había outra xente que saía conforme coa explicación dada polo técnico municipal e había outra tanta que saía con intención de alegar ou de suxerir cambios a través das alegacións”.
Suárez Barcia referíuse “ao cambio que está a supoñer con respecto á exposición pública de 2008 no que ten que ver cos solos de núcleos rurais das parroquias. Si hai catro anos case por unanimidade todo o mundo que facía alegacións de xeito reflexivo ou non, sempre ou casi sempre, pedía a ampliación do núcleo rural para poder construir, segregar, vender ou colmar a súa expectativa futura. E agora catro anos despois con esta situación actual económica que temos, que planea por enriba de todos nós, vemos cómo iso xa non é así”.

O rexedor contou que “hai moita xente que sabendo que non ten pensado construir  ou que ten as explotacións agrícolas metidas en solo de núcleo rural piden que, no caso de que se poida, se exclúan parte das súas propiedades do núcleo rural para que queden en solo rústico de protección agrícola, sabedores como son de que despois da aprobación definitiva do PXOM virá de xeito obrigatorio unha revisión automática do catastro de urbana, onde os solos que son urbanos han pagar como tal”. Fernando Suárez subliñou que “con isto non quero condicionar o sentido das alegacións nin moito menos, incluso para o Concello canto máis solo urbano haxa máis recadará en concepto de contribución urbana, pero o certo é que se non van construir a curto ou medio prazo quizáis deberan miralo con detemento por si teñen posibilidade de excluilos no núcleo rural”.