O rexedor referiuse ao edil de Upri, Agustín Reymóndez: “dicirlle con todo o respecto e todo o cariño, que antes de acusar débese informar, e coma concelleiro que é, debe vir aquí, consultar o expediente, consultar aos técnicos. De feito, eu coma non quero ter ningunha dúbida e ningún problema, nin neste nin en ningún outro asunto, fixen o que fago sempre: mandarlle aos técnicos municipais coma son o arquitecto do casco vello e o arquitecto xeral, que me fixeran un informe conxunto para ver se isto que se estaba vertendo a través de acusacións falsas, ou sexa difamacións, se tiña algo de realidade ou non”. Fernando Suárez Barcia subliñou que “os informes son claros, dicindo que esa obra se está axustando ao proxecto, un proxecto que foi validado e aprobado pola Comisión Provincial de Patrimonio de Lugo que pertence á Xunta de Galicia, e polo tanto os volumes, os metros e as alturas están validadas por esta Comisión. Nosoutros simplemente outorgamos licenza de obra con ese informe. Quizás o compañeiro Tino escoitou falares de xente ociosa ou de xente que ten moi mala baba, e que en tódolos sitios a hai, e tamén en Ribadeo, aínda que non sexan moitos por fortuna”.

O alcalde ribadense indicou que “esta obra, da que nos atopamos moi orgullosos coma de tantas outras no casco vello, é produto desta política de incidir na rehabilitación que estamos a levar a cabo dende o Concello de Ribadeo. Estes inmobles hai anos estaban en situación de ruína practicamente, ocasionando un perigo potencial para os viandantes, e tanto este coma os colindantes, coma tantos outros que nestes momentos se están a rehabilitar, están cambiando a faciana do casco vello de Ribadeo para ben. Estamos sendo un exemplo de rehabilitación ao que moitos Concellos nos chaman e nos demandan, tanto a min, coma aos técnicos, que lles pasemos os métodos que temos para lograr esta rehabilitación”. Fernando Suárez lembrou que “estamos nun momento complicado, xa que as axudas da Xunta e do Ministerio a día de hoxe, e dende hai máis dun ano, son inexistentes. Esperemos e confiemos que dentro de pouco isto se poida resolver e que a Xunta cumpra os seus compromisos”.