O rexedor explicou que “hoxe é un destes días que un pode dicir que coas cousas ben feitas e co traballo ben feito ao longo dun período de tempo van tendo a súa recompensa. O certo é que no día de hoxe, asinando estes novos convenios entre o Concello de Ribadeo, o Ministerio de Vivenda e máis a Xunta de Galicia, podemos dicir que Ribadeo se pon á altura, xa non dos Concellos do seu igual senón das cidades de Galicia que poden superar a Ribadeo vintecinco ou trinta veces en poboación, pero non así na inversión que vai recibir tanto o casco vello de Ribadeo como o casco de Rinlo, coa sinatura destes novos convenios”.

Suárez Barcia subliñou que “van permitir rehabilitar un total de 36 vivendas, para un período de tres anos, e ao mesmo tempo en rehabilitación destas vivendas entre os particulares, a Xunta e o Ministerio van aportar en total 807.000 euros. No que ten que ver coa reurbanización de espazos públicos, entre o Concello e o Ministerio, imos aportar 180.000 euros, e o que o Estado e a Xunta dan para o equipo técnico son 177.000 euros. En total 1.164.000 euros de inversión para Ribadeo en tres anos para os conxuntos históricos de Ribadeo e de Rinlo, que dalgunha maneira somos os que máis diñeiro público imos recibir de toda a provincia de Lugo, incluída a capital, e somos os que estamos á cabeza xunto coas grandes cidades do noso país”.

O alcalde ribadense manifestou que “isto é un esforzo de que todos os obxectivos que nos fomos comprometendo nestes convenios anteriores fómolos cumprindo, non tivemos que devolver diñeiro, a xente rehabilita as súas vivendas e entre todos estamos facendo un Ribadeo digno, un Ribadeo que calquera que se achegue aquí pode ver o moito que cambiou para ben nestes últimos anos, a gran cantidade de traballo que se está xerando para pequenas empresas, para autónomos, que están continuamente rehabilitando. Podo dicir que moita da rehabilitación ou da construción de toda A Mariña está focalizada aquí en Ribadeo. É importante que este diñeiro público serva para seguir animando, serva para seguir facendo un casco vello máis vivo, máis bonito e máis atractivo, tanto no de Ribadeo como no de Rinlo”.