Suárez Barcia explicou que “hoxe estivemos a Santiago para seguir avanzando nestes procesos de rehabilitación que estamos levando adiante nos dous núcleos urbanos que están caracterizados como áreas de rehabilitación integral, isto é o casco vello de Ribadeo e o núcleo tamén de Rinlo. Por fin seguimos avanzando nesta sinatura de convenios entre os concellos, a Xunta e máis o Ministerio, e podemos dicir que acabamos de asinar o décimo segundo convenio de rehabilitación de Ribadeo e o segundo de Rinlo”.

O alcalde ribadense dixo que “realmente non son demasiados cartos en total, son para todo este período 290.000 euros, que se teñen que destinar a obras de rehabilitación de inmobles, a obras de reurbanización de espazos públicos e tamén ao custe dos equipos técnicos”.

Para Suárez Barcia “isto é positivo, aínda que non é para botar tampouco as campás ao vo, son en total unhas oito vivendas teóricas as que se van poder rehabilitar con estes dous convenios, non vai ser demasiado o diñeiro para utilizar na rehabilitación de espazos públicos”.

O rexedor ribadense subliñou: “quero destacar o importante esforzo económico que fai o Concello de Ribadeo porque é a institución dentro de todas estas que máis aporta. De media, tanto no convenio de Ribadeo como de Rinlo, o Concello ven aportando un 45%, a Xunta un 8% e o Ministerio de Fomento un 20%. Os particulares no que ten que ver coas súas rehabilitacións veñen aportando un 20 % ou un 21%”.

Fernando Suárez declarou que “está todo moi ben, son achegas que veñen, pero tamén hai que destacar que aquí quen máis recursos públicos sigue poñendo, como en tantas outras cousas, é o Concello de Ribadeo. En todo caso aínda que sexa un pequeno paso adiante na rehabilitación sempre é benvido, aínda que agora non é como era anos atrás”.