O rexedor sinalou que “hoxe temos unha moi boa noticia dado que o Concello, o Ministerio de Vivenda e a Xunta asinamos o 9º convenio do ARI de Ribadeo e o 2º do casco vello Rinlo. En total 27 vivendas para rehabilitar de maneira teórica na vila e 16 en Rinlo durante as anualidades de 2012 a 2014 e cunha cantidade importante de diñeiro público tanto para a rehabilitación de vivenda privada en Ribadeo e en Rinlo como tamén para a urbanización de espazos públicos nos dous lugares. 240.000 euros en Rinlo e 405.000 en Ribadeo, que fan un total de 645.000 euros de aportación pública entre Concello, Xunta e Ministerio para seguir traballando e poñendo en valor os cascos vellos destes dous núcleos tan singulares e que teñen tamén un atractivo turístico”. Suárez Barcia dixo que “non só é rehabilitar vivenda pública e amañar rúas, prazas, etc, senón que iso tamén contribúe a que sexa atractivo para o turismo e seren visitables”.

Fernando Suárez asegurou que “isto nos da ánimos para seguir nesta política de rehabilitación, no casco vello de Ribadeo estánse a ver os resultados desta política de man tendida a todos aqueles propietarios que queren amañar as súas vivendas e que contrasta tamén con esta política de man dura, que estamos tendo e que deu moi bós resultados, para aqueles propietarios que fan oídos xordos, que non queren rehabilitar as súas propiedades. Pero ao final o Concello, ben sexa a través de multas coercitivas ou de execucións subsidiarias, está a conseguir uns resultados impensables hai tres ou catro anos”.