O rexedor manifestou: “temos que volver falar das subvencións para os cascos vellos, tanto de Ribadeo como de Rinlo, porque se ben é certo que a finais de decembro anunciamos o inicio do período para solicitar as axudas e tendo en conta que houbo varias persoas que viñeron interesarse pola contía das subvencións, a día de hoxe non hai presentada ningunha solicitude nin para Ribadeo nin para Rinlo e o prazo remata o 29 deste mes”.

Suárez Barcia dixo que “como se está a mover pouco queremos volver informar aos propietarios de vivendas nestes dous ámbitos que non deixen pasar esta oportunidade dado que a contía da subvención pode ser do 35 por cento do orzamento da obra, cun límite máximo de 11.000 euros por vivenda rehabilitada, e unha axuda complementaria do 10 por cento do gasto subvencionable cun límite de 4.000; en definitiva, 15.000 euros de límite para poder xustificar unha subvención que remata o 15 de novembro deste ano. E ademais o Concello para estes casos ofrece bonificacións nas licencias de obra e incluso as memorias valoradas das obras menores poderán ser redactadas pola oficina municipal de rehabilitación, que temos no Concello”.

O alcalde quixo “animar a toda a xente porque é unha mágoa que este diñeiro se perda, porque os prazos son os que son e temos de límite ata o 29 deste mes, quedan practicamente 15 días. E quero indicarlles aos propietarios que precisen máis información que veñan ao Concello, na oficina de rehabilitación dos conxuntos históricos de Ribadeo e de Rinlo, que está na planta baixa, daranlles máis información”.

Fernando Suárez engadiu: “non me canso de insistir para que estas axudas poidan contribuír á rehabilitación e facer entre todos que os cascos vellos sexan cada vez máis novos”.