Suárez Barcia sinalou que “dicir a estas alturas que Ribadeo é un concello turístico xa non é sorprender a ninguén, pero cando un ve os datos de xente que acude ao punto de información turística das Catedrais e á oficina de turismo de Ribadeo queda abraiado da cantidade de xente de todo o estado que se achega ata aquí, de Europa e de parte do mundo… que veñen á vila, ás parroquias e á xoia da coroa que temos, e esquecida por outras administracións, que é a praia das Catedrais”.

O rexedor subliñou que “soamente a semana pasada, do 13 ao 19 de agosto, pasaron pola oficina de turismo de Ribadeo 3.500 persoas. E ao punto de información das Catedrais acudiron 7.000 persoas (mil ao día). Os visitantes proceden de Asturias, Euskadi e Madrid, na súa maioría, e cada vez é mais forte a presenza de persoas francesas, italianas, inglesas e alemanas. Na primeira quincena de agosto pasaron só pola oficina de turismo de Ribadeo arredor de 6.000 persoas, o que supón prácticamente o 100% dos viaxeiros que viñeron aquí en xullo”. O alcalde relatou que “os hoteis rondan o completo nesta tempada na que nos atopamos. Ás veces se fai complicado encher todas as prazas de hoteis e hostais, pero aínda que hai crise e se nota, a pesares de todo iso Ribadeo, como se di agora, está petado estes días”.

Sobre a praia das Catedrais Fernando Suárez dixo que “aínda que a Xunta nos exclúa do seu Top ten turístico pódese contrastar coas páxinas nos xornais e coas reportaxes de televisión que saen a menudo sobre este areal. Onte, por exemplo, en Cuatro nun programa informativo saía unha reportaxe importante sobre a praia das Catedrais e estes días o diario económico Expansión situaba ás Catedrais coma unha das catro maravillas da natureza. Aínda que a Xunta nos exclúa das súas campañas turísticas, aínda que Xunta e Estado non poñan un céntimo neste plan de uso e xestión que estamos a demandar desde Ribadeo para poder regularizar un pouco esta marea humana de xente que se achega a ese areal, e que por máis que Concello faga esforzos de limpeza, de seguridade, de vixianza, de buscar aparcamentos en precaria duante a época estival, de dotala de información turística durante a tempada estival, a pesares de todo o que facemos hai unha marea humana tal que empezamos a ter medo porque se destrague o patrimonio natual que tanto tempo e tantos séculos a forza do mar e do vento tardou en labrar”.

Para o alcalde de Ribadeo “todo ten un límite e si realmente nin a Xunta nin o Estado moven ficha e coordinan co Concello actividades para manter un control advirto, que como dixen hai uns días, que tomaremos como di o poema de Rosalía de Castro a xustiza pola man e desde o Concello iniciaremos unha regulación que incluso poida superar o réxime municipal para controlar o acceso a esa praia, para que siga a ser unha fonte de riqueza económica para Ribadeo e para a comarca, pero que non se chegue a estropear tal e como está a dar mostras sistemáticamente o colapso de coches e usuarios que se rexistra a diario”.

Fernando Suárez engade que “hai veces que máis que un monumento natural As Catedrais parece a romaría de Fátima, e iso non o podemos tolerar. Co Estado e coa Xunta ou sen Estado e sen Xunta no inverno tomaremos as medidas e as normativas oportunas para que o vindeiro verán isto funcione doutro xeito. De non ser así ímonos cargar a galiña dos ovos de ouro, e diante da pasividade do Estado e da Xunta, que só utilizan esta praia como cartel e referente das súas políticas de turismo, e logo non teñen un céntimo e non están dispostos a colaborar co Concello para facer un plan de uso e xestión conxunta que permita que disfrutemos mil anos máis desta praia das Catedrais”.