A edil Mariluz Álvarez Lastra explicou que “hoxe, mércores, ás tres da tarde dará comezo no colexio Sagrado Corazón a campaña organizada entre as áreas de Mocidade e Igualdade do Concello de Ribadeo para a promoción da igualdade entre homes e mulleres. Esta iniciativa está relacionada co fomento do deporte en feminino, que nós denominamos xenericamente Regateando obstáculos”.

A concelleira nacionalista dixo que “o obxectivo fundamental desta campaña é, por un lado, poñer en coñecemento de todas as persoas as diferenzas que existen entre a práctica do deporte por parte das mulleres e dos homes e tamén as diferenzas que existen nas prácticas deportivas de elite con aqueles deportes que están máis masculinizados relacionado tamén coas mulleres, é dicir a visualización nos medios de comunicación e o coñecemento que se ten a nivel social dos premios que acadan as deportistas femininas en relación cos deportistas masculinos”.

Álvarez Lastra indicou que “desde o Concello de Ribadeo pensamos que a mellor maneira de facelo é, por unha parte, a través da información, que nos intentamos facer coa publicación dunha serie de dípticos co título xenérico Regateando obstáculos, cos que se pretende poñer estas cuestións enriba da mesa, cando menos telas sobre o papel, poder velas e poder analizalas. Son datos curiosos, relevantes, que non pasarán desapercibidos para aquelas persoas que lean os folletos que editamos. Tamén fixemos unha serie de chapas para aqueles rapaces e rapazas que practiquen esta actividade, porque non soamente se trata de coñecer a deportistas, que así o faremos ao longo de todo o ano cunha serie de charlas con deportistas masculinos, pero sobre todo femininas que poidan vir ao noso concello e que sexan relevantes, senón tamén poñer en valor as actividades deportivas que se levan a cabo no noso concello”.

A concelleira de Igualdade de Ribadeo manifestou que “esta campaña ten unha parte informativa, pero tamén outra moi importante, que é a práctica. E esta imos facela da seguinte maneira: grazas á colaboración de todos os clubs deportivos do noso concello, aos cales quero agradecer publicamente a súa participación, e aos centros educativos, como non podía ser doutra maneira e que o levan facendo sempre con nós en todas as áreas, vamos facer o que nos denominamos Rolda multideporte. Consiste en que os clubs deportivos do noso concello desprazaranse aos centros de ensino e farán que os rapaces e as rapazas dos cursos que sexan elixidos no propio centro educativo poidan practicar os distintos deportes: fútbol, remo, ximnasia rítmica, patinaxe, sen ter en conta o estereotipado que está nin as diferenzas de sexo; poderán practicar todos eses deportes no propio ámbito educativo”.

Esta campaña de promoción da igualdade continuará na época de Nadal, cando os rapaces e rapazas no tempo de lecer xunto coas súas familias poderán practicar en dous días todo este tipo de actividades. Mariluz Álvarez Lastra engadiu que “todo estará rexistrado e queremos que exista un documento visual, gráfico, un spot publicitario que despois poderemos utilizar para presentalo publicamente e para colgalo nas nosas redes, no que os rapaces e as rapazas que participan nesta campaña sexan os propios protagonistas dese spot, que tamén denominaremos Regateando obstáculos”.

“A campaña comeza hoxe co colexio Sagrado Corazón, os rapaces de 3º a 6º de Primaria poderán practicar, poderán levar as súas casas o documento impreso e tamén esas chapas participativas desta campaña, que continuaremos ao longo de todo este curso escolar”, seguiu a relatar a concelleira de Igualdade. Na semana do 24 de novembro esta campaña chegará ao IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ribadeo, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e do Fondo Social Europeo.