O rexedor contou que “segundo puido saber esta alcaldía por informacións aparecidas na prensa, así como con encontros con persoal directivo e tamén con traballadores da empresa Regaki este goberno municipal quere amosar a súa preocupación ante o posible ERE extintivo da totalidade do cadro de persoal da Rede Galega de Kioscos, e que forma parte da estrutura de Cogami. Hai que lembrar que actualmente están a rexentar un quiosco no parque de San Francisco desta vila de Ribadeo”.

Suárez Barcia indicou que “falamos dun centro especial de emprego que dá traballo a moitas persoas con discapacidade e que recibiu numerosas axudas públicas por estes conceptos da administración galega nos últimos anos. Nun momento de forte crise económica as persoas con discapacidade son máis vulnerables ante a pobreza e a exclusión social, de aí, a nosa preocupación polo futuro destes traballadores e traballadoras”.

O alcalde ribadense engadiu que “dado que nos últimos dous anos esta empresa recibiu máis de 1 millón de euros en concepto de subvencións para o mantemento de centros especiais de emprego consideramos necesario que, por unha banda, demandar de Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) a necesidade de aplicación de coherencia cos seus propios principios fundacionais e solucións dialogadas e non traumáticas para o persoal que traballa nos quioscos porque non facelo así ademais de inxusto, deixa moi mala imaxe da propia organización social. E por outra banda, demandar da Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Traballo e Benestar, para que cumpra o seu papel como responsable das políticas sociais en Galicia, moito mais cando neste caso parece desentenderse do problema sendo como é fonte de financiamento do colectivo Cogami”.