O rexedor refeíuse “a esta proposta que o goberno municipal lles plantexou a todos os grupos da Corporación para demandar da Xunta de Galicia que leve adiante un proxecto que ten enriba da mesa desde hai tres anos, que é aquel de dar saneamento a todo o barrio de Dompiñor. É unha obra que se fai moi necesaria, dado que o Concello hai uns anos cunha partida económica do Plan E deu saneamento ao barrio de Folgosa, pero non está operativo porque non está feito o de Dompiñor, aínda que a Xunta se comprometera a facelo hai tres anos, o Concello redactara o proxecto, aprobárase unánimemente pola Corporación e ata  día de hoxe a Xunta non o fixo. Non é algo demasiado custoso, son 200.000 euros, pero pedímoslle e agradézolle a todos os grupos que con maior ou menor interese votasen a favor desta proposta. A Xunta terán entón enriba da mesa unha proposición unánime outra vez de todos os grupos da Corporación para que leve adiante dunha vez por todas este saneamento de Dompiñor-Piñeira”.

Na sesión ordinaria de onte tamén se aprobou por unanimidade “a denominación a unha serie de rúas do polígono industrial, necesarias para poder poñer a andar todo o sistema de telefonía, etc, e buscamos unha solución que nos satisfaga a todos que non é outra que darlle nomes de microtopónimos e de lugares da propia parroquia de Piñeira. As rúas chamaránse rúa da Veiga da Arnela, rúa dos Pozacos, rúa da Grandela, rúa das Pereiras ou mesmo rúa do Pozo da Insúa”.

Suárez Barcia explicou que “tamén se aprobou plantexar un recurso contencioso-administrativo contra a resolución da Xunta que nos privou a nosoutros e a moitísimos máis Concellos, pero eu falo polo caso de Ribadeo, dun 70% das aportacións que viña facendo ao servizo de axuda a domicilio. A finais de ano cando nos retiren toda esta cantidade económica deixa ao Concello malparado diante do próximo exercizo que ven para poder ir tratando a toda esta xente que o necesita, que é xente maior. Esta medida nos pon no disparadeiro toda esta lista de espera, xa que teremos problemas para ir dándolles cobertura por mor deste dramático recorte por parte da Xunta, faráse francamente difícil ir avanzando en tanto non se produzan baixas ou vacantes neste servizo para poder dar cumprimento a todo o que a xente nos demanda, xente maior, que está soa e que non ten moitos recursos”. E subliñou que “pretendemos reclamar pola vía xudicial para percibir o que por lei nos corresponde, pretendemos percibir o que se investiu este ano e desde logo a min non me preocupa acudir á administración de xustiza senón que o me preocupa é o Concello e a administración local. Algún membro da oposición se queixaba de plantexar contenciosos contra a Xunta, pero os veciños de Ribadeo non somos súbditos nin vasallos de ninguén, somos cidadáns con dereitos e o que está a facer a Xunta cos Concellos en materia de axuda a domicilio clama ao ceo. Non somos o primeiro Concello nin seremos o último en plantexar este tipo de contenciosos porque entendemos que se teñen que resolver estes asuntos de cara ao ano 2012”.

O pleno acordou non revertir unha finca que se chama O Semilleiro á Comunidade de Montes de Ove. O alcalde lembrou que “se trata da finca onde está o vertedoiro que foi selado, o vertedoiro que funcionou durante moitos anos en Ribadeo e contravindo así unha proposta que eu como alcalde e o equipo de goberno, hai varios meses, levamos adiante que non era outra que atender a petición realizada polo presidente da Comunidade de Montes de Ove para devolverlle unha finca, que realmente é deles e que nós en principio non queremos para nada. Pero consultada a Xunta de Galicia, ésta di que, independentemente de quen teña a propiedade desta finca, a responsabilidade do control da tutela e dos residuos alí acumulados correspóndelle en exclusiva ao Concello durante un período de tempo polo menos 30 anos, polo tanto en vista de que a responsabilidade de todo iso debe ser municipal non queremos darlle un regalo envenenado aos veciños, aos comuneiros de Ove. Non queremos darlles a responsabilidade dunha cousa que aínda está viva, que pode ter biogás, que pode ter movimentos dinámicos. E desde logo en función dunha xuntanza que mantivemos aquí no Concello con representantes da directiva actual desa Comunidade de Montes de Ove, eles descoñecían a petición do seu presidente de cara a que o Concello lles devolvese esa parcela e amosaban a súa extraneza por ter que asumir unha responsabilidade que debe ser do Concello, independentemente de quen goberno, pero en atención a criterios de responsabilidade decidimos non devolverlles esta parcela polo perigo que entraña e porque temos que estar permanentemente controlándoa, tal e como nos indican desde a Xunta”.

No pleno ordinario de onte aprobóuse un recoñecemento extraxudicial de crédito “que xa estaba contemplado no presuposto deste 2011e que contou co apoio do PP, tendo en conta que son unha serie de facturas do pasado, que porque entraron tarde ou porque excederon as partidas presupostarias onde tiñan que ir tivémolas que consignar neste 2011. Nestes anos estivemos recoñecendo extraxudicialmente facturas de períodos anteriores doutros gobernos, pero os que estamos agora temos que asumir con responsabilidade as cousas que se fixeron ben, as que se fixeron regular ou mal por parte doutros gobernos”. Tamén se aprobaron dúas mocións do BNG, unha delas sobre violencia de xénero e outra pedíndolle á Xunta que revise o Plan Concertado de Servizos Sociais para o ano 2012 “co fin de combatir esta merma notable dos ingresos das administracións locais”.