O rexedor dixo que “pasaron dous anos desde que se asinou un convenio entre a daquela Vicepresidencia da Xunta e o Bispado de Mondoñedo-Ferrol e o goberno galego a parte de non facer absolutamente nada nestes dous anos máis do que xa quedou feito, o único que se limita é a facer certas insinuacións ou dar malas interpretacións dese convenio que poida levar a equívocos dalgunha xente”. Fernando Suárez asegurou que “con esto non quero para nada cuestionar a actividade loable que está a facer a plataforma que quere unha residencia da terceira idade en Ribadeo, algo que eu apoiei públicamente e así seguirei, aínda que leo con certo disgusto nalgún medio de comunicación algunha opinión que, pola información que o propio PP lles deu dalgún xeito, non entende moi ben o que no seu momento se asinou entre a Xunta e o Bispado”.

O alcalde subliñou que “o que se asinou está no convenio, que eu mandei aos medios para que se vexa con claridade e con nitidez, é a cesión dun edificio dentro dunha parcela cuns lindes concretos, para facer primeiramente un centro de día para enfermos de alzheimer. Para iso a Xunta anterior encargou a redacción dun proxecto, que se fixo, desde o Concello se axilizaron e se tramitaron os permisos, sobre todo aqueles máis complicados como os de Cultura, Patrimonio e Urbanismo. Éstes están totalmente autorizados e a Xunta só ten que licitar as obras para convertir, reformar e ampliar a actual rectoral de Ove, que está en ruinas, e crear un centro de día para enfermos de alzheimer. Dito centro, segundo o proxecto, tería unha capacidade para 30 prazas. Hai que ter en conta que,  segundo os servizos técnicos municipais, temos máis de 100 persoas só en Ribadeo afectadas por esta doenza”.

Suárez Barcia engadiu que “unha vez que o PXOM se aprobe definitivamente non ten que recalificar ningún terreo, simplemente que nese núcleo de Ove, que sempre foi núcleo rural e seguirá a selo sen recalificación algunha, nesa parcela, nesa cortiña anexa que tamén foi cedida, segundo reza no convenio, é onde a Xunta ten a posibilidade de construir unha residencia anexa. A Xunta pode facelo aí ou onde mellor vexa. A nós humildemente parécenos a mellor das ubicacións pola cercanía a Ribadeo, por ser un sitio tranquilo e difícilmente conseguible noutro punto, pero iso sempre queda aberto”. Ao alcalde o que lle doe é que “dalgunha maneira o goberno da Xunta leve 2 anos se mover un só dedo para que o centro de día de alzheimer sexa unha realidade e agora en vísperas electorais quere intoxicar á opinión pública reinterpretando o acordo inicial, botando balóns fora e botándolle a culpa aos demáis”.