Ata o 16 de decembro estará aberta a campaña de recollida de xoguetes que un ano máis organiza o Concello ribadense para que ningún nen@ quede sen agasallos nas vindeiras festas de Nadal.

Os puntos de recollida, segundo explica a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, “están situados desde onte, 1 de decembro, nos centros de ensino e tamén no auditorio municipal Hernán Naval. Todas aquelas persoas que queiran colaborar con esta campaña o único que teñen que facer é achegar os xoguetes a estes lugares. Despois coma todos os anos clasificaranse por idades para proceder con posterioridade á súa entrega”. Desde o Concello fan unha chamada á solidariedade e á colaboración.

Meilán Vizoso engadiu que “aquelas familias que precisen xoguetes para os seus nenos e nenas o único que teñen que facer é achegarse desde este mesmo momento ao auditorio municipal e anotarse alí no departamento de Servizos Sociais”.