A concelleira de Saúde e Servizos Sociais, Teresa González explicou que “se trata de apoiar unha campaña que organiza a Asociación de Apoio ao Pobo Sirio, que consiste nunha recollida de medicamentos. Poden ser antiinflamatorios, analxésicos, antibióticos, antidiabéticos e unha cousa moi importante e que fai moita falta que é material de curas. Estas medicinas podemos telas pola casa, aínda que estean empezadas podemos aproveitalas porque as necesidades son verdadeiramente apremiantes”.

A edil nacionalista dixo que “estes medicamentos e este material de curas pódense depositar nas farmacias de Ribadeo, no centro de saúde e tamén no departamento de Servizos Sociais do Concello, ubicado no auditorio municipal Hernán Naval”. González Piñeiroa engadiu que “a colaboración con esta campaña pode ser desde facilitar todo tipo de medicamentos, pero tamén facemos unha petición de axuda porque esta Asociación de Apoio ao Pobo Sirio ten a súa sede en Madrid, entón queremos ir recollendo e derivando ese material ata alí polo que si hai algunha persoa que teña posibilidade de colaborar para facer chegar alí eses medicamentos porque igual ten unha empresa de transportes, etc… sería moi importante. Conseguir axuda neste sentido é moi importante tamén”. Despois desde Madrid todo ese material será transportado a través das liñas aéreas xordanas, que xa o derivan para Siria desde onde se fará o reparto de toda a axuda humanitaria.

A concelleira de Saúde e Servizos Sociais indicou que “desde o Concello queremos facer unha chamada á sensibilidade, que sí sabemos que existe en Ribadeo, para colaborar con esta campaña que é moi necesaria”. A recollida de medicamentos durará varias semanas, “non hai unha data fixa marcada para o peche, pero uns días antes de rematar faremos unha chamada á poboación de novo”.