Para o rexedor “trátase dun recoñecemento moi importante que este portal de internet, comparador de prezos, que é Trivago escolla a Ribadeo coma un dos destinos de praia con maior reputación de todo o Estado. E con isto non dicimos pouco, somos en toda a clasificación os segundos, por detrás de Hondarribia, en Guipúzcoa, e por diante de destinos turísticos con moita máis historia e con moita máis poboación”.

Fernando Suárez subliñou que “nestes últimos anos Ribadeo estivo adiantando e mellorando en moitos aspectos, tanto desde o punto de vista público como privado. No privado os hoteis contan cunha chea de prazas de primeira calidade, de primeira magnitude e todos os hostaleiros foron mellorando ao longo dos últimos anos os servizos que ofrecen aos seus clientes porque Ribadeo ten posibilidade para que todos eles puidesen investir mellor no seus negocios”. O rexedor sinalou que “as decisións do cliente, as opinións positivas que teñen dos hoteis, relaciónanse directamente co destino, é dicir con Ribadeo. Os servizos que ten, os lugares con encanto, os atractivos, a calidade, as actividades culturais, o coidado do medio ambiente. Ribadeo non só é a praia das Catedrais, tamén é Rinlo, tamén é o Camiño Norte, o casco vello, a hostalería, as rúas peonís e as miles de actividades que se poden facer en Ribadeo”.

O alcalde considera que “este recoñecemento por parte deste portal de internet para Ribadeo é das mellores campañas publicitarias que se poden facer. Si as tivésemos que pagar con diñeiro serían inalcanzables. Isto danos unha satisfacción grande e nos indica que debemos seguir traballando en mellorar, en axeitar, en que o noso patrimonio colectivo (casco vello, rúas, muros, baixos) estea limpo e axeitado. Estamos vendo que isto é unha riqueza económica para o noso sector servizos e para que Ribadeo siga, máis que nunca, brillando con luz propia”.