O acto estivo presidido polo alcalde, Fernando Suárez, e polo concelleiro de Deportes, Jorge Díaz. Tamén participaron os concelleiros de Economía e Igualdade, Pablo Vizoso e Mónica Freire, así coma o técnico de Deportes, Iván López.

Na quenda de intervencións o edil de Deportes, Jorge Díaz, agradeceu o traballo realizado polo club, polos adestradores e tamén o esforzo das familias: “tanto Elena, como Manuela, como Elena foron campioas nas disciplinas que practican e hoxe imos darlles un agasallo para que teñades de recordo. Agardamos e desexamos que para o vindeiro ano repitamos acto, que nos sigades acostumando así. Sei que tedes un bo adestrador, un bo club e agora o voso local está en reformas, moi merecidas, por fin lograremos que ese angar estea nas mellores condicións para que teñades uns vestiarios dignos e unhas instalacións acordes coa disciplina que practicades”. 

O rexedor ribadense felicitou ás deportistas polos trunfos conseguidos: “gústame recoñecer a experiencia, o traballo e o esforzo da xente de Ribadeo e especialmente neste caso moi agradados da xente nova, a xente que dentro dun tempo seredes a seguinte xeración, que máis aló de palear tamén seguiredes facendo deporte, pero seredes a seguinte xeración que nos suceda en seguir con esta sociedade mellorándoa e traballando día a día”. 

Elena Justo, Manuela Lastra e Elena González amosáronse emocionadas polos trunfos acadados e tiveron palabras de agradecemento para as súas familias, para os seus adestradores e para o Club Altruán.