O alcalde en funcións, Pablo Vizoso, resaltou que “hoxe estamos moi orgullosos, de recibir a esta deportista neste salón de plenos do Concello de Ribadeo, aínda que non lle cause novidade porque non é a primeira vez que a recibimos nun acto similar de recoñecemento dos éxitos que foi acadando. Estou plenamente seguro de que seguirá vindo a este salón de plenos con novos obxectivos acadados. Hoxe queremos recoñecerlle a medalla de prata acadada no Campionato de España de Remo Olímpico Xuvenil, que se celebrou en Vitoria hai unhas semanas, e tamén a quinta praza no Campionato do Mundo que tivo lugar recentemente en Bulgaria”. 

O rexedor subliñou que “Nerea ten un palmarés cheo de medallas e un gran futuro por diante, froito do compromiso, da entrega e deses madrugóns, e iso ao final dá o seu premio. Tamén quero aproveitar para agradecer ao Club de Remo de Ribadeo e a Nerea particularmente por situar a Ribadeo como se merece tan alto no mundo do deporte. Desexamos que sigan os éxitos cada vez maiores nesta etapa que vai iniciar e que poida vir de palista cargada cunha maleta chea de medallas”.

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “é un orgullo para a Concellaría de Igualdade ter rapazas que destaquen e que sexan tan completas porque non soamente é o deporte senón tamén os ámbitos educativo e profesional. É un premio para ela, pero tamén onde se poden mirar outras adolescentes que están nese momento, que con esforzo e tesón as cousas se poden conseguir. Lograr o que Nerea fixo débese ao seu gran traballo e sobre todo compatibilizando a área do deporte co estudo, nun ano moi complicado como é segundo de bacharelato, así que dobremente noraboa”. 

Para a edil ribadense “é o premio a ese gran esforzo e as horas intempestivas dos adestramentos, condicionados polas mareas e polo clima que temos en Ribadeo nun club pequeno que leva colleitando éxitos alí onde estean grazas aos adestradores, ás familias e ao tesón dos rapaces e das rapazas que a conforman e que saben adaptarse ás circunstancias nun deporte que non é ao uso onde teñan un pavillón pechado onde poidan adestrar, co cal dobre esforzo e dobre mérito. Creo que temos que sentirnos moi orgullosos de que nunha vila tan pequena como a nosa o nome de Ribadeo soe en Bulgaria, vai soar en París e en moitos outros sitios. Para nós é un inmenso pracer que Ribadeo se coñeza non soamente pola praia das Catedrais, que é moi importante, pero que se coñeza tamén polos nosos deportistas e polas nosas deportistas”.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, lembrou que “xa non sei canto gañou nin canto vai gañar. Queremos agradecer a Nerea o seu esforzo durante tantos anos. Gañouse a pulso a oportunidade que ten agora de compatibilizar uns estudos cun deporte que lle gusta e máis nunha especialidade minoritaria e de carácter feminino”.

Nerea Lago dixo que “fueron años muy duros pero al final, después de madrugar, estudiar y compaginar todo, mereció la pena. Ahora queda Sevilla y nuevos objetivos. Muchas gracias a mi entrenador, a mis amigos, a mi familia y al Concello”.

A deportista recibiu unha figura elaborada pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña.  No acto estiveron presentes os avós de Nerea Lago e o técnico municipal de Deportes, Iván López.