O rexedor referiuse ao remeiro ribadense dicindo que “quero destacar o espírito de sacrificio, o espírito de superación nunha vida deportiva longa. Quería valorar que tes unha certa similitude, cando facemos a festa indiana que nos acordamos dos que se foron a América, con aqueles que nunca se esqueceron da terra que os viu nacer, e fago un certo paralelismo contigo. Dalgunha maneira contribuíches á vinculación que tivo Ribadeo no pasado co remo, e logo, por motivos que non sei, foi quedando en nada practicamente. Quedou aí un grupiño de xente nova coa posibilidade dunhas instalacións que acababan de ser rehabilitadas sen uso concreto. Agora, con moi poucos anos nesta nova singladura, xa teñen algúns triunfos, sobre todo no feminino, moi destacables. Ti nunca te esqueciches da túa terra e botaches unha man no aspecto de materiais que serviron para arrancar”.

Fernando Suárez engadiu que “ves dun sitio no que o remo se mima moito máis do que se pode facer aquí, por moitos motivos. Aquí estivemos dous anos de trámites para poder licitar unha obra pagada con fondos municipais para que os rapaces e rapazas teñan auga quente. Hai veces que á xente non lle colle na cabeza porque os nenos non se poden duchar en auga quente, pois hai que facer uns determinados trámites que nos levaron dous anos e pico. Por fin conseguímolo, o luns tramitamos uns papeis administrativos e a ver se dentro duns días as obras empezan e canto antes, xa non me atrevo a dicir cando, hai cousas tan básicas como que os nenos e a nenas se poidan duchar con auga quente. Creo que nos custa máis de 50.000 euros, que a xente di que como é posible para unhas duchas e unhas bombonas. Sabemos que os nosos veciños de Castropol e da Veiga teñen unha tradición máis arraigada, levan moitos máis anos, pero queremos pouco a pouco, firmemente, poder estar á altura e competir con eles en pé de igualdade, competir con Orio tamén, aínda que para que lle gañemos vai ser un pouco máis complicado. Queremos aproveitar isto porque vemos que ten potencialidades. Aos do goberno de Ribadeo tamén nos gustan aqueles deportes que non son tan maioritarios”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, David Rivas, salientou que “a verdade é que para min este é un dos momentos máis gratificantes destes anos que van de mandato, ter a oportunidade de facerlle unha homenaxe, aínda que pequeno pero moi sentido, a un dos mellores deportistas que deu Ribadeo e que dará, seguramente en moitos anos. Sobre todo poder facerlle unha homenaxe a un compañeiro e a un amigo”.

Rivas lembrou que “foron moitas as horas que levamos pasado xuntos, moitos adestramentos compartidos, e foi moito o que eu aprendín de remo tanto adestrando con Miguel como nas regatas ao seu lado, en Ribadeo e máis tarde na Veiga. Acórdome moitas veces, cando tíñamos 13 e 14 anos, que os sábados despois dos adestramentos íamos durmir a casa dun ou doutro, e Miguel pasaba media noite retransmitindo regatas imaxinarias de traiñeiras nas que curiosamente sempre gañaba Orio. Seguro que se daquela che din que te ías converter nun piar fundamental dese club, non o crías”.

O concelleiro ribadense subliñou que “esta é unha homenaxe máis que merecida non só por este último ouro, senón por toda unha traxectoria, toda unha vida chea de éxitos e vinculada ao remo. Desde o primeiro campionato de España que trouxeches para o Club de Remo Ribadeo, en infantil en 1994, ata isto, pasando por Copas do Rei, por medallas de todas as cores, pola participación nun mundial, e en banco fixo por ligas de traiñeiras, por bandeiras da Concha. Realmente nestes catro anos tiña a esperanza de que decidiras retirarte e facer unha homenaxe máis pomposa e con máis público. Cando hai un par de anos dixeches que abandonabas penseino, pero como nos coñecemos dixen vou esperar un pouco, porque estou convencido que vou deixar eu antes de ser concelleiro que ti de remar. Entón de momento terei que conformarme con facerche este pequeno acto modesto e en familia, pero de verdade con todo o cariño, a admiración e o orgullo que sentimos os ribadenses de terte aí, e desexar que tardes moitos anos en retirarte e sigas dándonos alegrías”.

E o remeiro Miguel Ángel Millares Mera declarou que “sinceramente me fai moita ilusión. Agora vin a placa do 94, que foi o 24 de agosto, estou no mesmo sitio que fai vintecatro anos, o Concello faime un recoñecemento por un esforzo e eu valóroo un montón. A nivel persoal eu fixen unha aposta importante na miña vida, que foi irme de Ribadeo para buscar o que eu quería, que era ser o mellor e iso foi o que intentei sempre. Estou moi contento da miña traxectoria deportiva, a única espiña que teño foi non poder ir a uns xogos olímpicos, pero fun a un mundial, a varias copas do mundo. A nivel estatal penso que teño todo gañado, individual e colectivamente. O triunfo do mes pasado foi colectivo, pero a nivel individual fixen unha aposta porque foi unha tempada un pouco rara, chamáronme en febreiro e foi unha tempada express. Persoalmente estou contento porque cheguei a un campionato, despois de estar dous anos e medio sen competir, e gañamos o de España. Ademais Orio non gañaba desde o 2005 e eu son o único supervivinte. Agradecer esta homenaxe que me fai moita ilusión. Felicitarvos por levantar outra vez o Club de Remo porque é para valorar tamén. Eu sei o que custa gañar unha medalla nun campionato de España, e que haxa campioas de España, unha medalla de prata, outra de bronce, e campións galegos. Iso quere dicir que se están facendo ben as cousas, e pouco a pouco Ribadeo foi e será unha cuna de bos remeiros”.