Fernando Suárez quixo hoxe “poñer de manifesto o desgusto do Concello de Ribadeo con esta actuación que está facendo o Ministerio de Fomento no senso de amañar parcialmente a estrada tan frecuentada N-642, entre Ribadeo e Porto, que dá servizo a moita xente que vai para Lugo pola estrada vella de Meira ou mesmo para A Veiga, para esta parte de Asturias occidental. A nosa sorpresa e o noso desgusto é porque hai varios meses, de maneira unánime, o Concello de Ribadeo pediulle ao Ministerio de Fomento que fixera o mesmo que fixo hai pouco tempo coa estrada desde Porto ata Lugo, que está moi ben amañada, moi ben aglomerada, en todo o seu ancho e en toda a súa extensión”.

O rexedor ribadense contou que “a nosa sorpresa é ao ver que agora toda esta parte da N-642, aquí debemos ser uns cidadáns de segunda, non debemos ter os mesmos dereitos que os outros veciños da provincia de Lugo, porque a nosoutros soamente nos tapan os baches máis grandes. Por exemplo para ir cara A Veiga nalgúns tramos os amañan, pero para vir da Veiga para Ribadeo non. Ademais molesta sobre maneira ver as actitudes destes lacayiños do PP, destes deputadiños, que parece ser que teñen moi pouco que facer no Parlamento galego, e andan xustificando que grazas a eles viñeron as máquinas tapar os baches, que isto se fixo polas súas xestións, e que ao mesmo tempo é unha primeira fase que algún día, será cando chova para arriba, se aglomerará de maneira enteira, cousa que me parece que non vai ser así”.

O alcalde de Ribadeo declarou que “a actitude que está mostrando o goberno do Estado con Ribadeo en moitos aspectos, e singularmente neste das infraestruturas, parece que aquí nesta esquina do norte da provincia de Lugo, lindando con Asturias, estamos un pouquiño esquecidos por parte do Ministerio de Fomento. Nin lles dá a gana de poñer a luz na Ponte dos Santos, seguen rebacheando a autovía A-8 como se fora no século XIX ao seu paso por Ribadeo porque segue habendo baches, o terceiro acceso da circunvalación que no seu momento se ía licitar suspendeuse e nunca máis se quixo facer, o terceiro acceso a Ribadeo desde a autovía segue pendente, a pesar de que o Congreso dos Deputados, a unha proposta do BNG de hai varios anos, votara unanimemente, e tantas e tantas outras cousas”.

Suárez Barcia pídelle “por favor estes deputadiños, lacayiños, que en vez de xestionar uns baches, que intenten xestionar o que o Concello de Ribadeo, de maneira unánime en todos estes casos, lle estivo pedindo con dereito e coa razón, e porque ademais non queremos ser máis que todos os nosos veciños, pero tampouco queremos ser menos”.