O rexedor dixo que “agora xa entrados na primavera e que afortunadamente o tempo o empeza a permitir desde o Concello de Ribadeo estamos iniciando esta serie anual de rebacheos que temos que facer sistemáticamente polas parroquias e pola vía.  A rede viaria municipal é inmensa e cando un ano acabamos de rebachear e de amañar camiños ao ano seguinte voltan a estar estropeados noutros puntos ou nos mesmos sitios”.

O Concello actúa estes días en varios puntos como Arante, Remourelle, Vilaselán, Ove, Vilamariz ou Ribadeo, entre outros. Suárez Barcia sinalou que “agora estamos a actuar en varias parroquias, atendendo ás demandas das asociacións de veciños, e nestes días xa levamos varios camiños amañados, pero seguiremos con estes traballos. E ao mesmo tempo estamos a iniciar a colocación de varias marquesiñas en paradas de autobús nalgúns puntos e que con anterioridade e xa ai tempo que o teñen pedido as asociacións de veciños, sen que sexan definitvas as que estamos a colocar, requírense bastante máis, pero temos que ir paseniñamente. Non podemos actuar en todos os sitios á vez porque non contamos con recursos suficientes para todo iso”.

O alcalde de Ribadeo manifestou que “no caso do amaño de camiños as circunstancias son cada vez máis críticas para todos os concellos. Agora temos a lamentable noticia de que a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación, co que moitos Concellos aproveitabamos para amañar e rebachear camiños, vánse ver reducidos nun 50% porque o goberno do Estado acaba de reducir a súa aportación a 0 neses plans. Cos plans provinciais darános para moi pouco e os fondos propios dos Concellos dan para o que dan. As necesidades son as mesmas, os veciños sempre queren, con toda a razón, que os camiños estean transitables”.

Fernando Suárez manifestou que “hai algunhas parroquias do interior que neste inverno tiveron verdadeiros problemas cos madeiristas porque nos estropearon moito dos camiños e tivemos que ter unha política de man dura con eles e finalmente están arranxando os viais que destrozaron, pero a maiores diso é necesario seguir actuando como o estamos a facer, rebacheando outros tantos en parroquias do interior, en parroquias da costa e na propia vila de Ribadeo”.