O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “neste día damos por rematada e por aberta á circulación a rúa Villandrando, este vial tan pequeniño, pero tan importante no casco vello de Ribadeo. Está situada entre o Concello e a Torre dos Moreno e durante estes dous últimos meses estivo impracticable por atoparse en obras, pero agora pódese ver a magnitude, a importancia e bó facer da empresa que fixo os traballos subvencionados polo Concello e pola Xunta, como tantos outros que temos feito no casco vello de Ribadeo”.

O rexedor explicou que “agora esta rúa, aparte de ser o acceso principal á gardería pública, ao centro de día e tamén ao casco vello, queda habilitada e será o acceso ao ascensor do Concello, estamos en trámites e agardamos que nos próximos días entre en funcionamento. É dicir que todas as persoas discapacitadas que queiran acceder ao Concello poderano facer a través de ese ascensor”.

Suárez Barcia considera que “con esta rúa damos un paso máis nesta conversión, desde hai anos temos o empeño de ir cambiando a fachada de Ribadeo, estámolo conseguindo, estamos con moitas obras na vila, avanzan a moi bó ritmo as da rúa Reinante e as da travesía. A través de diferentes programas e convenios co Estado ou coa Xunta estamos cambiando Ribadeo para ben, como poden comprobar todos os homes e todas as mulleres deste concello”.