Vicente Castro dixo: “quería anunciar a apertura ao tráfico da rúa San Roque para mañá, mércores, a primeira hora. Contamos poñela en funcionamento, é dicir aberta á circulación con toda normalidade, igual que a situación anterior ao inicio da obras”. A primeira fase na que se actuou conta con dúas zonas de carga e descarga de 8 a 13 e de 16 a 19 horas e con aparcamento para motos e bicicletas.

Recollida do lixo e desbroces
O alcalde en funcións tamén se referiu ás acusacións realizadas nas últimas horas polo PP: “quixera explicar en primeiro lugar, con respecto ao do lixo, que foi debido a unha coxuntura de dúas avarías continuas, primeiro dun camión de recollida e despois o outro, na semana pasada. Simplemente comunicar que xa está restablecido o servizo e xa volveu á normalidade a recollida de lixo”.

O rexedor comentou ao respecto do tema do desbroce no paseo das Aceas: “parece que teñen o don da oportunidade porque dáse a casualidade de que saen as críticas no momento en que se están iniciando os desbroces”.

Vicente Castro relatou que “é un tema que vai programado con continuidade, pero este ano temos unha situación con respecto a desbroces e herba que nos desborda coas continuas choivas permanentes desde primeiro de ano, e que non pararon practicamente ata o de agora. Todo isto provoca un crecemento de todo tipo de maleza e herba que nos custa moito manter a ras”.

O alcalde ribadense engadiu que “de todas maneiras supoñemos que este tempo cambiará algunha vez e, unha vez que se estabilice, deixaremos restablecido o servizo con case total normalidade. De todos os xeitos está, a respecto do ano pasado e ao que se ven dando, nunha situación bastante aceptable para as circunstancias que se están dando coas inclemencias do tempo”.