O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, sinalou que “a primeiros desta semana recibimos a obra por parte da empresa adxudicataria e procederase a reabrir ao público a praza de abastos de Ribadeo o próximo martes, día 16”.

O edil ribadense lembrou que “se trata dun investimento de case 60.000 euros, con financiamento europeo e inclúe unha achega de 20.000 euros aproximadamente de fondos propios do Concello. Con este investimento abordamos reparacións importantes como a renovación do saneamento da praza e dos baños, a instalación eléctrica, traballos de pintura e o que quizais sexa máis visible a todos que é o novo pavimento, que lle da moita máis luminosidade e claridade, coa axuda tamén dunhas novas luminarias led e totalmente actualizadas”.

Vizoso Galdo subliñou que “con estas obras o que pretendíamos é dinamizar e poñer en valor de novo a praza de abastos e todo o seu entorno para siga a ser un punto neurálxico da vila. Temos moita esperanza de que estas obras permitan ás praceiras e aos praceiros de Ribadeo recuperar clientela, conseguir máis clientela, sobre todo fidelizar e prestar un mellor servizo a todo o seu público”.

As instalacións da praza de abastos contarán cunha moderna máquina fregadora para proceder á súa limpeza.

O concelleiro de Desenvolvemento Local agradeceu “a colaboración das Concellarías de Medio Ambiente e de Obras, polas tarefas de mantemento que realizan neste recinto”.

O horario será de luns a sábado de 8 a 15 horas, con horario preferente para as persoas maiores de 70 anos entre as 9 e as 10 da mañá.