O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que “continuamos con moita ilusión e moito traballo sacando adiante cousas positivas para Ribadeo. No día de hoxe sae publicado no Boletín Oficial da Provincia e no perfil do contratante do Concello de Ribadeo, unha licitación dunha obra moi importante, dunha contía sumamente importante, 315.000 euros, para o arranxo integral da rúa Francisco Lanza e da rúa Alfredo Deaño”.

O rexedor salientou que “estas dúas rúas envolven tanto o centro educativo Dionisio Gamallo Fierros como tamén a futura residencia de maiores de Ribadeo. Todo este entorno, que esta moi concorrido polos estudantes dos diferentes centros educativos tanto de Dionisio Gamallo como do Gregorio Sanz e o Porta da Auga, e tamén o vai estar aínda máis dentro de pouco tempo coa posta en funcionamento da nova residencia de maiores de Ribadeo. Por iso quixemos dedicar o Plan Único que temos concertado coa Deputación de Lugo, que outra vez volve ser a entidade supramunicipal que máis nos axuda dado que sufraga o 80% de todo este custe e o 20% restante sufragámolo desde o Concello de Ribadeo”.

Fernando Suárez explicou que “imos renovar as beirarrúas, que están en mal estado, pavimentar con aglomerado asfáltico toda a calzada, e acondicionar tamén un espazo público que temos enfronte do pavillón vello que actualmente se usa como aparcamento e que está nunha situación moi lamentable. Imos completar tamén as instalacións de pluviais, facer un novo alumeado público e no que ten que ver coa rúa Francisco Lanza imos facer as obras desde o encontro coa avenida de América ata a estación de ferrocarril. Imos complementar beirarrúas que faltan por ambas as dúas marxes para que toda a xente que use o tren, que esperemos que sexa máis da que está sendo, poida vir comodamente polas beirarrúas e con toda seguridade. Imos tamén pintar os accesos, sinalizar correctamente e queremos continuar coa plantación de novo arborado, coa plantación de máis de 30 árbores ao longo destas dúas rúas porque nos parecen signos distintivos de todas estas actuacións en rúas e en espazos públicos que levamos facendo ao longo destes anos”.

O alcalde dixo que “o procedemento de licitación é aberto para todas aquelas empresas que estean capacitadas para facer esta obra, o prazo é de 26 días naturais para presentar as ofertas, rematando o 4 de decembro, e os criterios de adxudicación son baseados no prezo e na proposta de melloras”.