O rexedor dixo que “é a partires desta semana cando entra en funcionamento este novo sistema pioneiro, porque en Galicia poucas piscinas poden contar con el. Todos os usuarios que xa estaban vindo ou aqueles potenciais que poidan vir atoparán unha piscina libre de cloro e cun ambiente moito máis respirable. Aínda que a normativa si que obriga a empregar unha pequena fracción de cloro esta é infinitamente menor á que había ata o de agora”.

Suárez Barcia sinalou que “este sistema cumpre con todas garantías sanitarias e converte á piscina municipal en pioneira, non só na Mariña, senón por todo o país adiante. Esta iniciativa que estamos levando adiante entre o Concello de Ribadeo e a concesionaria Serviocio é a primeira parte deste compromiso que hai poucas semanas acordamos nun pleno para mellorar a seguridade e saúde da instalación, tanto para os traballadores da piscina como para os usuarios que poderán vir sen problema”. O alcalde de Ribadeo manifestou que “antes igual había xente que non viña porque o cloro lle ocasionaba molestias ou alerxias ou mesmo porque a roupa se acaba corrompendo moito antes, agora con este novo sistema eses problemas desaparecen e ao mesmo tempo, en canto á seguridade, imos facer unhas actuacións na cuberta que estabilicen un posible deterioro, porque a piscina xa vai entrando en anos e é necesario facer un arranxo integral da cuberta. Iso farémolo á volta do inverno cando as circunstancias climatolóxicas o permitan”.

Gonzalo Angueira, responsable de zona de Serviocio, explicou que “o sistema de desinfección por ultravioletas, que é o que estamos a inaugurar hoxe aquí en Ribadeo, é pioneiro na Mariña e de cara aos usuarios vai aportar moitos beneficios, pero quizás o que máis vai notar a xente é ese característico olor a cloro, que desaparece desde hoxe, ao igual que ese picor que pode haber nos ollos cando se nada sen gafas. A nivel de auga e de ambiente a piscina de Ribadeo será unha instalación moito máis saudable”.

Angueira engadiu que “esta inversión que realizamos aquí en Ribadeo forma parte dunha partida que temos comprometida co Concello. Son 100.000 euros en total e esta é a primeira fase dese investimento e máis adiante continuaremos con eses traballos na cuberta para darlle unha maior estabilidade e preparala de cara aos vindeiros anos, sobre todo polos duros invernos que hai nesta zona”.