O rexedor dixo que “cunha profunda decepción coñezo o feito de ver como alguén arrincou e roubou a placa dunha destas rúas, da denominada Manuela Barreiro Pico, que o venres pasado inauguramos con motivo da celebración do 8 de marzo. Supoño que sería a mesma persoa á que non lle debe gustar que unanimemente na Corporación Municipal de Ribadeo cheguemos a consensos para nomear unha serie de espazos e de rúas da nosa vila, a maior parte deles pola insistencia do servizo de Correos da dificultade que tiñan para entregar cartas correctamente debido a que moitas rúas estaban en barrios grandes e non estaban definidas as súas denominacións convenientemente”.

Fernando Suárez lembrou que “neste caso a unha desas rúas puxémoslle o nome de Manuela Barreiro Pico, en honor dunha persoa que moi a principios do século XX tivo a coraxe de ser a primeira farmacéutica que houbo en Ribadeo, nun momento no que as mulleres tiñan difícil o acceso a carreiras superiores, e difícil o feito de abrir establecementos por elas mesmas”.

Para o alcalde de Ribadeo “é lamentable que alguén faga isto, sería a mesma persoa que andou poñendo anónimos convidando a unha manifestación contra á inauguración desa rúa, cousa que me parece absurda. Repoñeremos a placa, loxicamente, tentaremos colocala de xeito máis forte para que non se arrinque outra vez, pero non estamos libres de que algún energúmeno ou energúmena volva facer das súas”. O rexedor pídelles “aos veciños e veciñas desa zona, que o outro día acudiron a ese acto e que se amosaron contentos e satisfeitos de que unha vía que nunca tivera denominación levara o nome dunha persoa tan insigne, que si advirten algo o comuniquen á Policía Local ou á Garda Civil porque eu creo que sería boa cousa para a convivencia cívica entre todas e todos, aquí en Ribadeo”.