A concelleira nacionalista sinalou que “este ano o Ribadeo de tapeo entra xa na súa oitava edición, que se vai celebrar entre os días 10 e 19 de maio e conta con máis participantes que na anterior, xa que falamos de 56 entre bares, mesóns e restaurantes, tanto da vila como de parroquias, fronte aos 51 do ano pasado. Salientar que a maioría dos novos establecementos de hostalería que abriron durante este ano tamén se foron integrando neste certame”.

Martínez dixo que “ano máis Ribadeo de tapeo é a cita por excelencia da micro cociña, desa cociña en miniatura que busca enxalzar e por en valor os produtos da terra, tan bos e tan saborosos, combinándoos co enxeño dos cociñeiros para facer así unha mestura de olores, de sabores e de sensacións para os nosos padais”. A dinámica do concurso segue a ser a mesma, “é dicir proporciónaselle a cartolina ao público na que se irán selando polos establecementos segundo se vaian saboreando as tapas, o que nos vai ir permitindo entrar a formar parte do concurso que, coma sempre, contará con diversos premios”, engadiu a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo.

Ana Martínez indicou que “como novidade este ano contamos cunha aplicación para teléfono móbil, que vai ser gratuíta e estará activa para as dúas plataformas, IOS e Android, e que se pode baixar a través dos códigos QR que estarán indicados nos establecementos ou ben para a xente que non estea en Ribadeo e que a queira baixar pode facelo a través dunha páxina web. A través desta aplicación podemos ver e seguir os establecementos participantes, que van estar xeoposicionados, e tamén ir vendo as tapas. Así pois buscamos que a xente se integre no concurso cunha participación máis interactiva na que o público tamén poderá dar a opinión sobre as tapas, aínda que este ano non se vai utilizar para a votación oficial. Tamén se poderán seguir a través desta aplicación as actividades que se desenvolven arredor do evento e que, coma sempre, farán disfrutar a cantos se acheguen a Ribadeo durante o tapeo”. A edil ribadense engadiu que “para isto contamos este ano, por segunda vez, cos Soños Gastronómicos, no que os hoteis se van integrar no tapeo e van facer descontos, agasallos e actividades varias que permitirán aos nosos visitantes durante estes días pasar a noite en Ribadeo a un prezo máis económico”.

Ana Martínez convida “a todas e a todos a marcar este evento, do 10 ao 19 de maio, nas súas axendas e achegarse a disfrutar do Ribadeo de tapeo”.