O rexedor declarou que “se trata dun feito moi importante para o Concello de Ribadeo o pleno que celebramos onte, onde acordamos a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Despois de máis dunha década dun planeamento municipal vixente en época predemocrática, porque era o plan de 1977, por fin en Ribadeo demos un paso fundamental para ter un plan moderno e adaptado ás normas contemporáneas, tanto as estatais como autonómicas”.

Fernando Suárez recoñeceu que “foi un traballo longo, tedioso e complexo tanto do goberno municipal como do resto dos grupos políticos con presenza na Corporación. Agora unha vez aprobado provisionalmente e que remata aquí a fase municipal a Xunta ten a última palabra e non cabe ningunha dúbida que vai poñer reparo porque así o fai en todos os plans, pero o paso dado permítenos albiscar a luz ao final do túnel”.

O alcalde ribadense quixo “dar os parabéns a todas e todos os que neste pleno, concelleiros e concelleiras tanto do goberno municipal como dos grupos da oposición, que deron o apoio á aprobación provisional do PXOM porque en definitiva foron 11 votos a favor e dúas abstencións”. Fernando Suárez pensa que “Ribadeo ben o merece e hai que ter en conta a parte importante de alegacións que xerou este proceso de exposición pública modélico que tivemos. Hai que lembrar que houbo dúas exposicións públicas, a última delas a mediados do ano 2012, con charlas técnicas dadas pola empresa redactora e polos técnicos municipais, día tras día durante dous meses atendendo ao público que quixera ter información sobre o resultado do plan e de aí esas 560 alegacións das que un 61% delas foron estimadas ben totalmente ou parcialmente e un 39% foron desestimadas. É unha altísima estimación das alegacións e agora con isto feito agora quedan dúas cousas”.

O rexedor anunciou que “a principios da vindeira semana, coa acta do pleno redactada levarémola xunto co PXOM á Xunta de Galicia, que dispón de tres meses para informalo. E tamén colgaremos na páxina web do Concello o plan tal e como o acabamos de aprobar para que todos os interesados e interesadas poidan ver o resultado das súas alegacións sen perxuizo de iren ao Concello onde lles daremos toda a información que precisen. Coido que Ribadeo ben merece este acordo case unánime que entre todos sacamos adiante”.