O rexedor explicou que “acabamos de manter unha nova xuntanza aquí na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta cos seus responsables, estivemos os técnicos de Eptisa que se ocupan da redacción do PXOM e o alcalde de Ribadeo. É unha reunión máis das que levamos celebrado nos últimos meses de cara a conseguir o informe favorable de Patrimonio a todas aquelas cuestións que no seu día foron informadas desfavorablemente”.

Fernando Suárez asegurou que “fomos correxindo todo o que nos foron comunicando e ao mesmo tempo isto derívase das xuntanzas que periódicamente viñemos mantendo na comisión informativa de urbanismo, que formamos todos os grupos de Corporación. Agora Patrimonio revisará todo ese traballo, verá si son suficientes os cambios efectuados ou si pola contra necesitamos seguir traballando ata conseguir ese informe favorable da Xunta”.

O alcalde de Ribadeo considera que “se trata dun informe fundamental e crucial para seguir avanzando de cara á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo, pero aínda sendo moi importante non é o escollo definitivo. A empresa Eptisa está adaptando e revisando o plan exposto ao público e no que fomos avanzando na revisión das alegacións, Eptisa está revisando todo para adaptalo á nova modificación da lei do solo de Galicia. Hai máis ou menos mes e pico todos os grupos políticos mantivemos un encontro no seo da comisión informativa de urbanismo e nos vindeiros días voltaremos a xuntarnos para revisar todo o traballo que a empresa Eptisa foi facendo nestas últimas semanas”.

Suárez Barcia engadiu que “aínda que son pasos tediosos e complicados son necesarios de cara a ir avanzando na aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo”.