A edil ribadense declarou: “que triste que o Observatorio da Mariña pola Igualdade critique a existencia dos puntos violeta nos diferentes festivais de Ribadeo. En vez de potenciar o seu uso e avisar a todas as mulleres que veñan ás distintas festas que o usen se o necesitan, prefiren desprestixialos”.

Para Sanjurjo “desprestixiar os espazos e ás persoas que os atenden. A concelleira, que son eu, é política e está aí para traballar polo pobo e para recibir críticas, pero non vou  consentir que se fale mal das traballadoras, nin da avogada do CIM nin da psicóloga, que estaba atendendo o punto violeta e dando información xa sexa a través de papeis, chapas, xogos… Esta persoa aporta tamén seguridade e axuda profesional a toda aquela muller que o requira”.

A concelleira de Igualdade indicou que “en ningún momento se potenciou o consumo de alcohol no punto violeta da Xira e cando unha muller se achegou a min cunha queixa eu fun ao punto para ver que estaba sucedendo”.

E subliñou que “o punto violeta da Xira non se recolleu polas queixas senón porque estaba contratada a psicóloga unhas horas, que correspondían cos concertos da organización. O último concerto retrasou moito o seu comezo polo que xa non había punto violeta mentres tocou Aliboria. Non ía estar aberto na madrugada, xa que é un servizo para as festas do pobo, pero non para o que organice un bar privado”.

Begoña Sanjurjo engadiu: “dende o Concello si nos quedamos co éxito do punto violeta, cos parabéns por esta iniciativa que nos transmitiron moitas mulleres de diferentes idades, procedencias e cores políticas e tamén os comentarios positivos de varios homes”.