Na presentación deste programa, que tivo lugar esta tarde en Ribadeo, o rexedor dixo saber que a palabra banco neste momento non simboliza nada bó, “porque moitas veces lle botamos a culpa de moitos dos males que estamos a sofrir nesta sociedade contemporánea actual. Aquí en Ribadeo estamos a poñer en marcha un novo banco, neste caso non prestamos diñeiro senón que prestamos material ortoprotésico. Estamos a implantar esta iniciativa para todas aquelas persoas que lamentablemente teñen que utilizar este tipo de material e que ao mesmo tempo teñan limitados recursos económicos, diante desta modificación lexislativa do goberno do Estado, onde a parte de implantar o copago sanitario tocaron o que viña sendo esta xestión de material ortoprotésico e moita xente ten que pagar si os quere ter e ás veces non ten recursos para iso”.

Suárez Barcia explicou que “desde o Concello coa axuda da Deputación de Lugo, que nos deu 10.000 euros, puidemos adquirir cinco grúas, tres camas articuladas completas, 12 colchóns antiescaras, andadores plegables, asentos para bañeiras, barandas, cadeiras de rodas, etc… un stock mínimo para poder prestarlle á xente que o necesita para axudarlles a levar estes momentos malos tanto aos propios doentes coma os coidadores co obxectivo de minimizar os problemas de saúde que poidan ter ambas partes”. O alcalde subliñou que “ao mesmo tempo queremos abrir este banco de préstamo de material ortoprotésico a todas aquelas familias de Ribadeo que tiveran este tipo de problemática nas súas casas e que a día de hoxe xa non o precisan, ben porque esas persoas sanaron ou faleceron, queremos pedirlles que non o tiren, que o entreguen no Concello para que desde aquí poidamos xestionalo e mediar para entregarllo a outras persoas que non teñen recursos económicos axeitados e que sí o precisan”.

O rexedor ribadense sinalou que “a partires de hoxe as persoas interesadas en poder contar con este material ortoprotésico, que teñan esta situación de necesidade e de falla de recursos económicos, poden achegarse polo departamento de Servizos Sociais do Concello, onde lles daremos cumprida información das condicións que deben reunir: estar empadroados en Ribadeo, presentar unha limitación da autonomía persoal moderada ou grave, ben sexa temporal ou definitiva, e presentar a unidade familiar unha renda per cápita inferior ao límite establecido”.

Fernando Suárez Barcia lembrou que “esta iniciativa que nos honra levar adiante, xa a levábamos no noso programa electoral, pero si cadra nestes momentos difíciles para moitas familias vai ser benvido. De feito moitas familias nestes últimos tempos, aínda sen saber que nós estabamos a traballar neste banco, preguntáronnos. Estamos seguros de que terá unha boa acollida”.

Ao acto desta tarde acudiron o vicepresidente da Deputación e responsable da Área de Benestar Social, Antonio Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais de Ribadeo, Teresa González Piñeiroa.