O rexedor dixo que “o patrimonio cultural ocupa unha parte moi importante da oferta turística de Ribadeo desde sempre, máis aló deste emblema que tamén facemos moitísimo uso del que é a internacionalmente coñecida como o praia das Catedrais. Pero tamén temos moito máis: un casco histórico moi rico, moi diverso e en proceso de recuperación; estamos potenciando o Camiño Norte e estamos tamén innovando e promovendo unha oferta cultural moi importante durante todo o ano. Iso desde o punto de vista turístico e cultural”.

Suárez Barcia pensa que “se cadra queda moito por facer, xa que dispoñemos dunha historia moi rica e moi ampla. Temos un gran patrimonio arqueolóxico, temos xacementos paleolíticos, que moitos deles foron escavados parcialmente hai anos e esas pezas a día de hoxe están en museos distantes de Ribadeo, como poden ser o de Vilalba ou do de Viladonga, etcétera”.

O alcalde seguir a relatar que “a todo isto hai que sumar tamén o patrimonio mergullado, que foi descuberto en épocas máis recentes. Hai moi pouco tempo descubriuse un achado dunha relevancia moi importante como é este pecio, un galeón do século XVI, que está considerado como o mellor conservado de Europa, máis aló de numerosos achados de cerámica, de ánforas, etcétera, que nestes últimos anos foron extraídos da ría de Ribadeo. Desde logo isto acentúa o valor e o carácter histórico de Ribadeo, que non se creou no século XIX; Ribadeo ten moita historia e é necesario polo tanto aproveitar este tirón mediático que está tendo todo isto para sacar adiante un proxecto cultural de carácter museográfico que poña en valor a historia e o patrimonio de Ribadeo e tamén, como non, especialmente este patrimonio subacuático”.

Fernando Suárez explicou: “de aí que á vista de que contamos con material de abondo, que unha parte está no museo de Vigo, outra no de Bueu, etcétera, necesitamos ir creando un colección museográfica de fondos propios, un proxecto cultural que propoña a creación dun espazo destinado á recuperación e á difusión deste patrimonio cultural etnográfico. E este proxecto achegaría á cidadanía e á xente que nos visita tamén ao noso patrimonio e á nosa historia. E queríamos para iso empregar algún edificio representativo do noso concello, que ben puidera ser o tan emblemático Forte de San Damián”. E engadiu que “como un palleiro non se fai sen palla, sen recursos económicos aínda que as ideas sexan magníficas tampouco se fai moita cousa. Pero como as competencias neste caso están compartidas polo Concello, pola Xunta de Galicia e pola Deputación Provincial, o que queremos a través desta proposta que vou someter con carácter de urxencia ao pleno desta tarde é que o Concello de Ribadeo inste á Xunta de Galicia, singularmente a través da Consellería de Cultura, para que desde o seu ámbito competencial faga chegar os medios técnicos, humanos e económicos necesarios para colaborar tamén neste proxecto museístico; e o mesmo coa Deputación Provincial de Lugo”.

Para Fernando Suárez Barcia “non se trata de crear solucións que xa existan. Sabemos que a Deputación ten o Museo do Mar, de San Cibrao, e que a Xunta ten un museo en Bueu (Pontevedra), pero non se trata de replicar cousas, trátase de ir colaborando para facer un museo de historia local, un contedor de cultura e de historia, que desde o punto de vista do turismo tamén poida atraer moita xente, moitos recursos e moita riqueza para Ribadeo”.