Segundo explican desde a Concellaría de Desenvolvemento Local “este proxecto, que se desenvolverá ao longo de 2018, é posto en marcha pola Asociación InterEo, conformada por municipios de Asturias e Galicia e na que se integra o Concello de Ribadeo. O proxecto  Eco-interEo terá  como obxectivo principal ofrecer formación e asesoramento para favorecer o inicio, transformación e/ou consolidación da  produción ecolóxica no territorio”.

E sinalan: “concretamente, nesta xornada poderemos obter información sobre como se estruturará este proxecto, que ofrecerá ata 40 accións formativas gratuítas que van desde un módulo xenérico sobre producións agro ecolóxicas, á formación especializada para os sectores hortofrutícolas, gandeiro, de producións asociadas ao bosque, turístico e hostaleiro, e así coma outros módulos dedicados á xestión e comercialización”.

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local de Ribadeo engaden que “asemade  o proxecto contará cunha área de asesoramento directo en materia de produción ecolóxica , que está dirixida por unha persoa enxeñeira agrícola e Licenciada en Ciencias Medioambientais e contará co apoio con técnic@s de Serida, da Universidade Santiago de Compostela así como dos Consellos  Reguladores de ambas comunidades (Asturias e Galicia)”.

O Concello de Ribadeo convida “a todas aquelas persoas interesadas a asistir a esta primeira xornada do proxecto Eco-interEO dirixida tanto a  persoas que desexen iniciarse no eido da produción ecolóxica, coma  persoas que desexen transformar a súa produción ata aquelas que estean xa en ecolóxico e desexen consolidar o proxecto”.