Na presentación celebrada este mediodía o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, manifestou que “desde a Concellaría de Cultura xa desde o primeiro momento que se dirixiron a nós para propoñernos esta actividade foi un inmenso pracer comprobar o claro contido social, educativo e divulgativo que tiña, e por iso decidimos apostar por ela desde un primeiro momento”.

O edil nacionalista considera que “a cultura que ten que ser lecer e pasalo ben tamén pode ter e debe ter este claro compoñente de compromiso social. Lograr que todas as persoas da nosa colectividade tanto as persoas que poden ter calquera tipo de diversidade funcional como persoas que en principio se defenden por elas mesmas, todos podemos sacar adiante proxectos coma este e dar a coñecer o labor e as potencialidades que teñen as persoas con diversidade funcional”.

O responsable de Cultura salientou que “é un acto cultural, un acto lúdico, pero no que imos poder ver como todos temos o noso grado de potencialidade e que temos que aprender a desenvolver con soltura e sen ningún tipo de complexo”.

Farruco Graña quixo “animar a toda a comunidade a que participe, e ás asociacións que traballan con persoas con diversidade funcional a que participen neste acto porque os seus asociados, os seus familiares, van poder ver tanto na curtametraxe Vida como no documental Máis ca vida que todos podemos saír adiante e entre todos podemos apoiarnos para saír adiante”.

O edil de Cultura subliñou que “este venres ás 20:30 horas no Teatro de Ribadeo temos unha cita co cine, coa actividade cultural e coa solidariedade entre todos e todas. Esta actividade é de balde”.

Pola súa banda a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, declarou que “a obra de ficción Vida e o documental Máis ca vida é do director e actor galego Rubén Riós. No acto ademais do director estarán presentes os protagonistas Oscar Rodríguez e Mónica Ferreiro, que unha vez concluída a proxección, nos farán partícipes da súa experiencia logo dun ano de ensaios con persoas con capacidades diferentes”.

Meilán sinalou que “o documental Máis ca vida recolle testemuñas reais do día a día que rodea ás persoas con capacidades distintas, os seus medos, alegrías e dificultades, aos que tiveron que enfrontarse estes mozos e mozas. Unha vez coñecidas as inquedanzas dos protagonistas o documental transfórmase nunha ferramenta idónea para contribuír a plasmar en papel todos os elementos necesarios para a creación das tramas do guión de Vida, unha obra de ficción creada por e para eles. Vida mestura arte, lecer e comunicación cunha clara mensaxe social a prol da fortaleza e a superación do colectivo ao que pertencen os protagonistas, e as diferenzas sociais existentes invitando ao público a reflexionar sobre ilo”.

A responsable de Servizos Sociosanitarios salientou que “esta obra de ficción conta ademais cun reparto artístico excepcional integrado por actores e actrices recoñecidos como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera ou Luís Iglesias entre outros”.