Logo dun ano de ensaios e traballo con persoas deste colectivo con capacidades diferentes, o director percatouse das súas inmensas gañas de amosar ao mundo o que son capaces de facer. O seu espírito, forza e traballo en equipo concluíron na  realización de dúas grandes obras audiovisuais: Máis ca Vida e Vida, un formato pioneiro que transportará ao espectador a un mundo de emocións.

O documental Máis ca Vida recolle os testemuños reais do día a día que rodea ás persoas con capacidades distintas. Deste xeito, as imaxes que integran este proxecto audiovisual plasman os ensaios realizados de cara a rodaxe, nos que poden contemplarse os medos, alegrías, interrogantes, dificultades, fatigas…etc, aos que tiveron que enfrontarse estes mozos e mozas. En definitiva, un encontro, co seu sentir.

Unha vez coñecidas as inquedanzas dos protagonistas, o documental transfórmase nunha ferramenta idónea para contribuír a plasmar en papel todos os elementos necesarios para a creación das tramas do guión de Vida, unha obra,  de ficción,  creada por e para eles, artífices e construtores activos do seu día  a día.

Así pois, Vida, mestura a arte, o entretemento e a comunicación, cunha clara mensaxe social a prol da fortaleza e a superación do colectivo ao que pertencen os protagonistas. Convértese na primeira experiencia audiovisual destas persoas, que, mediante a súa interpretación, trasladarán ao a espectador dunha maneira lúdica, positiva e realista, as diferenzas sociais existentes, invitando ao público á reflexión.

Esta obra de ficción, conta ademais cun reparto artístico excepcional, integrado por actores e actrices recoñecidos como: Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera ou Luís Iglesia, entre outros.