No escrito, que foi enviado aos delegados de persoal e colocado nos taboleiros de anuncios das dependencias municipais, o rexedor sinala que “visto que despois de reiteradas ocasións ao longo do tempo en que levo sendo Alcalde, teño indicado a procedencia de cumprir o horario laboral a todos/as os/as traballadores/as deste Concello, tanto verbal como escrito, tanto individual como colectivamente, incluida a advertencia expresa ao comité de empresa e delegados de persoal, sen que a día de hoxe nada disto se cumpra por moitos/as dos traballadores/as municipais (con honrosas e meritorias excepcións)”.

Na providencia asinada hoxe o alcalde de Ribadeo avisa que “non se tolerarán por parte desta Alcaldía comportamentos impropios dos traballadores municipais ao servizo dos veciños e veciñas deste concello a quen se deben e para quen traballan, e adoptarei cantas medidas sexan precisas para acadar o cumprimento das normas”.