O rexedor explicou que “coa sinatura deste protocolo damos un paso moi importante, un paso de xigante, que se verá ademais refrendado neste pleno extraordinario que teremos este propio venres, para aprobar o convenio marco que regule toda esta colaboración e cooperación que queremos levar adiante entre a Deputación de Lugo e máis o Concello de Ribadeo, para poñer a andar e poñer en marcha nunhas condicións moi boas, tanto para o Concello de Ribadeo como sobre todo para os futuros usuarios e usuarias desta residencia de maiores, deste soño colectivo que todos nos empeñamos hai uns anos en botar a andar, e claro que o imos botar a andar”.

Fernando Suárez contou que “tanto este protocolo como os convenios que seguidamente veñen, respectando que a titularidade neste servizo é municipal, queremos colaborar e cooperar coa Deputación, e ela que tamén o quere facer connosco no senso de darnos apoio técnico e económico para establecer un prezo tipo razoable e homoxéneo para todas estas residencias que se integren nesta rede provincial, e ao mesmo tempo para que os usuarios poidan pagalo”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “aquel que teña recursos suficientes pagará o que estea establecido, e aquel que non os teña asumirán a diferenza a Deputación e o Concello de Ribadeo. É dicir que ninguén vai ser excluído de poder ser usuario desta residencia porque non teña recursos”.

Para o alcalde de Ribadeo “esta é a política de verdade, a política progresista, a política que queren os veciños e veciñas que fagamos os seus representantes políticos, máis aló das cores políticas. No acordo de hoxe éramos de diferentes cores políticas, pero todos estabamos comprometidos a poñer a andar estas residencias marabillosas que están construídas, polo menos no que sei eu a de Ribadeo, con todo luxo e é un hotel máis que unha residencia habitual, pero queremos tamén que sexa sustentable no tempo. Para iso qué mellor que un acordo coa Deputación de Lugo”.

Fernando Suárez sinalou que “ao mesmo tempo con outros criterios moi importantes que cambian radicalmente o panorama do que ven sendo a política moitas veces de prazas concertadas da Xunta, dado que con este sistema que nos estamos outorgando terán prioridade os veciños e as veciñas de Ribadeo, seguidamente terano os da bisbarra, e seguidamente, se quedan prazas libres, terano os da provincia. Non é como estas prazas da Xunta concertadas que che dan un servizo de Ribadeo e igual cho dan en Quiroga, ou en Monforte de Lemos, ou nas Rías Baixas. Iso non pode ser porque a xente ten dereito a vivir os últimos anos preto do seu entorno, preto da súa familia sen que o destino sexa a dúas horas de viaxe, como está sendo moitas veces”.

O alcalde dixo finalmente que “nos veremos no pleno extraordinario deste venres, e confío que todos os representantes, non soamente o goberno municipal, esteamos a altura, penso que histórica, deste acordo plenario que terá que saír adiante”.