A edil de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, explicou que “as actividades se desenvolverán desde o 26 de decembro ata o 5 de xaneiro. Mira e… escolle! foi o eslogan elexido para esta ocasión. Na programación podemos atopar deporte, xogos educativos no telecentro, manualidades para os máis pequenos, nadal para os maiores, cine, teatro e actividades de rúa con Papá Noel ou o carteiro real”. A concelleira nacionalista subliñou que “unha das novidades deste ano serán os cursos destinados aos rapaces de 11 a 16 anos”.

A maioría das actividades programadas son abertas, é dicir non é necesario preinscribirse con anterioridade. É o caso do Nadal de deporte, que será no pavillón e no colexio Gregorio Sanz do 26 ao 30 de decembro. Tampouco é necesario facelo para participar nos xogos interculturais que se desenvolverán no pavillón os días 2 e 3 de xaneiro. Álvarez Lastra manifestou que “haberá outras actividades con prazas limitadas, de aí que todas as persoas que o desexen poden inscribirse no telecentro para participar nos xogos educativos ou chamando por teléfono ao 982 120 732, e tamén para achegarse ao centro de día de A Concordia ao obradoiro de postais de nadal e de cancións de nadal é preciso anotarse no teléfono 982 120 407”. Os rapaces de 11 a 16 anos poderán participar en obradoiros de cómic, de deseño de camisetas e en talleres de percusión con materiais de refugallo, para elo deben inscribirse no telecentro ou no teléfono 982 120 732. O prazo de inscrición nas actividades con prazas limitadas será do 19 ao 23 de decembro.

A concelleira de Cultura animou “ás persoas de Ribadeo e aos que nos visiten a que se fagan co programa que atoparán nos centros educativos e nas diferentes dependencias municipais” e engadiu que “se trata dunha programación diversa e moi austera tendo en conta os tempos que corren, con moita participación de monitores e de entidades do noso concello. O do 2011 é un nadal austero e con moita participación de asociacións e particulares que quixeron aportar o seu grao de area para que estas actividades se poidan levar adiante e unificando a todos os que nos adicamos a esta tarefa. Animo á xente a participar e a disfrutar da programación e das actividades que sexan máis do seu agrado”.