Neves Paz sinalou que “nestes tres últimos meses do ano tentamos como vén sendo habitual conxugar a atención á oferta cultural para todas as idades coas actividades non só na vila senón tamén nas parroquias do rural. Así, este venres, aproveitando as habituais xuntanzas veciñais na carpa que teñen onda a escola os veciños e veciñas de Cedofeita, o actor Pepe Penabade interpreta o seu papel do afiador Rodesindo da Barrosa. Será a partires das once da noite”. Máis adiante, en Rinlo haberá unha obra de teatro para nenos co grupo Metátese, en Vilaselán terá lugar un concerto de Marosa Jazz, a Remourelle irá o mago Richard e en Santalla tocará o grupo de boleros Canere Son. A técnica de Cultura do Concello de Ribadeo dixo que “son espectáculos de pequeno formato que agardamos estender ao resto  das parroquias conforme comece o ano vindeiro”.

A programación cultural ribadense inclúe, coma sempre, un apartado para os nenos e nenas que terán teatro. As compañías son Babaluva, O Elefante Elegante e Baobad. “Queremos recalcar que esta última vai representar un espectáculo para pequenos de 0 a 6 anos. Así que convidamos especialmente aos pais e nais de bebés, que en Ribadeo son moitos, para que estean atentos á convocatoria xa que non sempre é posible traer obras de calidade adaptadas a estas idades”, seguiu a relatar Neves Paz. Outra cita fixa desde que se recuperou a tradición é a celebración do Samaín o 1 de novembro. A preparación das cabazas será na sala do parque como vén sendo habitual. A técnica de Cultura subliñou que “atendendo á moita demanda desde que hai 3 anos actuaran aquí grazas ao interese dos colexios dános moito gusto anunciar que no Nadal haberá un concerto do grupo Mamá Cabra. O prezo da entrada para todas estas actividades no auditorio é de 2 euros e medio”.

A música estará moi presente na axenda cultural de Ribadeo para o último trimestre do ano. Neves Paz explicou que “agrupamos esta oferta baixo o título de Músicas Posíbeis porque efectivamente son concertos de moita calidade, con artistas  que non temos moitas ocasións de ver. É o caso do Festival de Jazz que vai ter lugar o 3 de novembro e no que actuarán Julie Gurovich e Victor Aneiros Blues Band, e RJ Miller, Javier Colina e Albert Sanz Trio. O cartel musical deste outono-inverno complétano Jazzologia, Os Folkgazais e Fernández e Quintá. Propoñemos tamén unha cita especial, organizada polo CIM e os centros de ensino, que vai consistir nunha charla concerto da cantante Sés”. A maiores a oferta musical complétase, coma sempre, cos concertos da Banda Municipal e cos organizados pola Coral Polifónica de Ribadeo como é o de Panxoliñas o 22 de decembro.

O teatro tamén ten o seu oco en Ribadeo. A técnica de Cultura indicou que “en teatro profesional temos a Teatro do Atlántico, que xunta nesta ocasión a catro grandes actrices na función Algún día traballaremos xuntas. A compañía Espello Cóncavo recupera unha montaxe coa que xa colleitaran moito éxito hai anos, Tres no bambán, e moi cerca xa do día de Nadal recibimos a visita do Profesional, a última proposta do Centro Dramático Galego”. E engadiu que “este ano comezou a andaina o Grupo de Teatro de Ribadeo, dirixido por Toni Deaño. A través do proxecto Buxiganga da Deputación de Lugo que está a levar funcións a todos os concellos da provincia, o GTR estreará Lisístrata, de Aristófanes,  no Pastor Díaz de Viveiro e logo terá tamén funcións en Riotorto e Barreiros. A posta de largo Ribadeo será en decembro. Recomendamos acudir á estrea porque é unha comedia onde se defenden valores tan importantes nas sociedades modernas como o pacifismo e o feminismo. Aproveitamos tamén para dar as grazas aos actores e actrices participantes e tamén, xunto co director Toni Deaño, á axudante de dirección Alicia Sarmiento, á encargada de vestiario Carmen Díaz e aos integrantes de Sonda Norte Héctor Peña e Fernando Couto que se van encargar do decorado”.

Neves Paz convida “a todas as persoas a unha presentación especialmente emotiva para nós que vai ter lugar este sábado no auditorio. Ás 8 da tarde preséntase o libro Da Capo. Una historia real, de Adriana Aramburu Peña e da obra musical do mesmo título, composta por Juan Lois Diéguez e que interpretará a Banda de Música Municipal de Ribadeo”.