O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “logo da posta en marcha do programa Ribadeo Circular no que participaron distintos axentes da hostalaría e restauración e do que saíron diferentes propostas de desenvolvemento a nivel local para os establecementos comprometidos coa economía circular e sostibilidade do turismo, o Concello de Ribadeo segue a apostar por esta liña de traballo”.

O edil ribadense dixo que “é por iso que, ao fío das iniciativas identificadas durante o desenvolvemento do programa de cara á transición circular, o vindeiro 20 de marzo convócase unha reunión participativa para deseñar de forma conxunta un produto sostible en Ribadeo, como sería un menú ou experiencia sostible”. 

Vizoso Galdo indicou que “esta reunión centrarase en recoller achegas e tomar decisións para definir os criterios desta nova iniciativa, como unha vía de impulso e posta en valor do compromiso dos negocios locais cun turismo máis sostible, co apoio do Concello de Ribadeo. Ademais nesta reunión comentaranse tamén outras necesidades detectadas no programa”.

E engadiu que “desde o Concello de Ribadeo invitamos a todas aquelas persoas interesadas a participar na reunión, que terá lugar o 20 de marzo de 9:30 a 11:30 na Casa de Viejo Pancha (Rúa de Viejo Pancho, 12. Primeiro Andar, onde está  a  Área de Cultura)”.