A edil declarou que “a programación cultural do Concello de Ribadeo sempre procura atender á diversidade de xéneros e tamén de público. Sabedores de que o mantemento e a divulgación dos nosos valores culturais pasa non só por atender ao público adulto senón tamén ao público máis noviño, unha parte importante das nosas propostas están pensadas para o público familiar”.

A concelleira contou que “hoxe, 25 de setembro, contamos coa compañía asturiana Acar Teatro del Mundo que vai facer unha recreación da novela de Mary Shelley, coa súa Loka Historia de Frankenstein, ás 17:30 horas, no auditorio Hernán Naval. Como xa acontecerá o ano pasado, é o programa Camiño Escena Norte quen posibilita esta función”.

Pilar Otero manifestou que “nestes momentos de nova normalidade precisamos toda a colaboración do público para que o sector cultural siga a ser seguro. Por iso pedimos que sigan respectando ás normas de seguridade e hixiene. Sempre hai que manter a distancia de seguridade, sentarse nos lugares indicados, usar as máscaras en todo momento e sentarse xuntos só se pertencemos ao mesmo núcleo familiar convivinte, por iso o público infantil ten que ir acompañado dunha persoa adulta do seu núcleo familiar. Tamén temos que gardar as distancias de seguridade cos compañeiros de aula, así que non podemos sentar xuntos dentro do auditorio. Desta maneira, cumprindo todos coa normativa, evitaremos riscos para a nosa saúde e a das nosas familias e amizades. Así poderemos seguir desfrutando da cultura con seguridade”.

Soa Forte, esta fin de semana
A Concellaría de Cultura programa ademais para esta fin de semana, continuando co ciclo Soa Forte, dous concertos. Hoxe venres, ás 19:00 horas, no Cine Teatro (debido á previsión de chuvia anunciada) actuará Gabriel McKenzie. O prezo das entradas é de 3 euros e poderán mercarse dende media hora antes do evento na billeteira.

Mañá, 26 de setembro, ofrecerá un concerto Paraíso Canto. Será a partir das 19:00 horas e celebrarase no Forte de San Damián, en caso de choiva trasladarase ao Cine Teatro. O prezo da entrada é de 3 euros e poderán adquirirse desde media hora antes do evento.

Estas actividades desenvolveranse con capacidade reducida e cumprindo as medidas sanitarias derivadas do Covid-19.