O alcalde, Fernando Suárez, explica que “de acordo coa petición feita polas autoridades sanitarias, desde o Concello quixemos colaborar nesta interesante posibilidade para que a cidadanía de Ribadeo, ou se cadra de concellos achegados a nós, poida facerse probas de antíxenos sen cita previa, para evitar ter que desprazarse a Burela ou a outros puntos máis distantes, co que gañaremos en comodidade, en rapidez e polo tanto, en efectividade”.

O rexedor sinala: “hai que ter en conta que a día de hoxe aínda temos 132 casos activos en Ribadeo e a situación da Mariña segue a ser tamén moi alta en contaxios”.

Suárez Barcia manifesta que “as autoridades sanitarias indícannos que estarán desde a semana que vén e ata novo aviso, os luns, os mércores e os venres, de 10:00 a 14:00 horas. Serán autotest que farán as persoas que vaian alí e haberá sempre persoal sanitario, para explicar, e indicar as instrucións precisas. Os resultados destas probas sábense ao cabo de poucos minutos”.

E engade: “desde o Concello de Ribadeo habilitaremos os circuítos de entrada e saída neste pavillón da Avenida de Luarca para que todo o proceso se faga con toda a prevención e seguridade posibles”.