Mundiña contou que “están a punto de rematar os traballos contratados polo concello de Ribadeo a unha empresa de servizos dentro do Plan de Tratamentos Preventivos contra Incendios Forestais. Estes traballos consisten no desbroce mecanizado da faixa auxiliar en ambas marxes das vías que dan servizo ás zonas forestais, cun ancho medio de desbroce de 5 metros (2,50 m. en cada marxe)”.

O concelleiro de Medio Rural dixo que “a lonxitude total dos camiños forestais que están sendo desbrozados dentro do devandito contrato é de 140 quilómetros, debendo estar rematados os traballos o próximo 30 deste mes de setembro. Esta actuación forma parte dos convenios asinados coa Consellería do Medio Rural para a prevención e defensa contra os incendios forestais, polo que o Concello percibe una axuda deste departamento. Estes traballos de desbroce dos camiños forestais realízanse una vez o ano”.

O edil ribadense subliñou que “o Concello dispón de dous tractores cos correspondentes equipos de desbroce, que están permanentemente actuando no desbroce nos mais de 260 quilómetros de camiños que dan servizo aos 150 núcleos de poboación e ás fincas de uso agrícola. Un destes tractores actúa permanentemente nas parroquias de Vilaosende, Couxela, Cedofeita, Covelas e Arante e o outro nas de Ribadeo, Ove, Vilaselán, Piñeira, Rinlo, Vilaframil e A Devesa”.

Jesús Mundiña engadiu: “compre reflexionar que os medios dos que dispón o Concello para estes traballos de desbroce en camiños son fixos ao longo de todo o ano, pero o crecemento da vexetación é variable, producíndose o máximo crecemento entre mediados de do mes de marzo e finais do mes de xullo, polo que a demanda de traballo tamén é variable. Por esta razón estamos a recibir algunhas queixas cando no período de máximo crecemento da vexetación os traballos de desbroce non poden efectuarse cun período de rotación suficientemente curto que permita observar unha reducida altura da vexetación nas beiras dos mais de 260 quilómetros de camiños.  Desde esta Concellaría de Medio Rural seguimos a traballar para ir mellorando o estado dos camiños de todo o concello coa mellor utilización posible dos recursos cos que contamos”.