A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, explicou que “desde hoxe, 9 de xaneiro, e ata  20 deste mes terá lugar a segunda fase da campaña Presume de praceiro e praceira, na praza municipal de abastos de Ribadeo. Os clientes recibirán, igual que na fase anterior, un cupón por cada compra e o día 20 será o sorteo de vales de de desconto por importe de 75, 50 e 25 euros respectivamente, que poderán gastar ata o 28 de febreiro na propia praza de abastos”.

A edil nacionalista subliñou que “a fase anterior tivo un éxito importante e moi boa acollida entre os clientes do mercado de abastos” e engadiu que “con estas campañas o que pretendemos é potenciar eses produtos da calidade e de proximidade que están nos nosos mercados e que os clientes valoran e mercan pola súa propia calidade”. Ana Martínez animou á xente “a que se achegue ao mercado municipal de Ribadeo a que fagan uso e consumo de produtos galegos. Van atopar unha ampla variedade na nosa praza de abastos”.