Vizoso Galdo declarou que “coa firma deste convenio, e tamén deste protocolo, poñemos a andar a maquinaria para proceder ao canxe de euros por panchas, e tamén os procesos de adhesión, de validación e de cobro para que estean plenamente operativos a partires do próximo 9 de outubro”.

O edil ribadense dixo que “estamos a observar a moi boa acollida que ten esta iniciativa por parte dos titulares dos establecementos de Ribadeo, de feito xa van en torno a 60 comercios e locais de hostalería adheridos. Tamén sabemos que a clientela destes locais está moi pendente do inicio da campaña para canxear os euros polas panchas, e así poder consumir e desfrutar desta iniciativa desde o próximo 9 de outubro ata o 1 de decembro. Por 30 euros cada persoa levará 40 panchas”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local subliñou que “na edición anterior puxéronse en circulación mil packs de panchas, que se esgotaron practicamente nos primeiros trece días e entre outros motivos, principalmente tamén por este, este ano dado que a campaña se prolonga case durante dous meses serán 3.700 packs de panchas os que se poderán empregar, os que se poderán canxear, para facer as compras no comercio máis próximo, no que temos a carón da nosa casa, e tamén para poder saborear as propostas gastronómicas da nosa hostalería local. Esta é unha das novidades, este ano poderase pagar con panchas nos locais hostaleiros adheridos”.

Pablo Vizoso engadiu: “animo aos negocios de Ribadeo a adherirse a esta campaña, aínda poden facelo ata o 5 de outubro, porque entre todos conseguiremos poñer en circulación como mínimo 150.000 euros en volume de negocio e inxectaremos unha cantidade importante de liquidez moi necesaria para os establecementos participantes e para a cidadanía, sobre todo tendo en conta o período e o ano no que nos encontramos”. 

No acto de sinatura do convenio e do protocolo con Acisa e con Abanca participaron o presidente e o xerente da Asociación de Comerciantes, Francisco Iriarte e Jesús Pérez, o director de Abanca en Ribadeo, Angel Macía, así coma o alcalde e o concelleiro de Desenvolvemento Local, Fernando Suárez e Pablo Vizoso. Como secretario actuou José Rodil.